día y hora

domingo, 5 de agosto de 2012

AS CABICHAS ESPICHADAS-relatos do verán-publicado en el Faro de Vigo, 13-08-2012-


AS CABICHAS ESPICHADAS 

Cada verán observamos nalgúns picotos de area, coma se de illas soberanas se tratase, as cabichas espichadas. Non é que estean ao chou espalladas, que tamén, senón ao redor dos parasoles e toallas constituíndo un verdadeiro andazo porcalleiro que zarrapican cada ano a nosa areeira e que son o sinal evidente de que nese preciso lugar houbo un asentamento nómada de certas ánimas con non moi boa educación.

            As cabichas poden ser longas ou curtas dependendo do índice de confianza dos cidadáns na nosa economía, e coma esta non está últimamente para darmos moitas ledicias, as cabichas están tan esgotadas que case non se aprecia o seu xeito arredondado,  semellando  lambiscadas; por iso ás veces miramos cómo as gaivotas peteiran nelas imaxinando atopar nos refugallos da nicotina algún cheiro coñecido.

Só temos que observar unha destas cabichas, e sen necesidade dun análise en profundidade coma o do ADN, por exemplo, para termos unha idea aproximada do estado de ánimo do seu dono. Se, poño por caso, a cabicha é curta e aínda por riba está esmagada de máis por mor de premer os beizos ata deixala coma unha palleta, pois podemos concluír que a posuidor daquela sospeita que a súa empresa vaille incluír nun ERE de extinción, apurando ata os derradeiros intres a súa bonanza económica, e por conseguinte o fume do seu pito.

            Antes de ser o que son agora –simples cabichas-, foron no seu día unha unidade incombustible de pracer e ilusión que axiña esmorecíase dende que prendía a muxica do mixto ou o chisqueiro no corpo do cigarro. O mesmo acontece coa nosa economía, que agoniza a cada paso cando nos poñen á liña os nosos socios Europeos, e por este motivo as nosas cabichas están tan apuradas coma as Contas Públicas ou as nosas cartillas de aforros.

            Todo este lerio ven a conto para dicirvos o seguinte: Fagan o favor de non deixar as cabichas nas nosas praias!; e leven cadaquén as súas miserias para casa, deixando a nosa areeira tan limpa e inmaculada coma verdadeiramente se merece. Ata máis ver.


viernes, 3 de agosto de 2012

A POESÍA É UN ESTADO DE ÁNIMO

DESACOUGO

I
                                                                               (lento)
Chuvia miúda;

xente coñecida, allea, apática.

Crise profunda

agochada nunha tea branca.

Esperanzas, ilusión e fantasías

que axiña esváense

na noite esmorecida.

II

Corredoiras poeirentas

sucan o meu corpo,

e medra paseniño

a dúbida medoñenta.


III

Vagantío sen fin;

luzada escintilante

que reflecte a faciana

da ledicia fuxidía.


IV

Namentres.......,

lembranzas serodias

axexan nos eidos baldíos

da miña soidade.

viernes, 20 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte-IX. Debuxos moi descutidos; X.Centro de Interpretación.


IX. Debuxos moi descutidos



Un científico xaponés, que xa sabemos que son máis pillos cunha curuxa,  fixouse nun símbolo feito na rocha, debaixo, a man esquerda.

-Hum!......., mesmo semella a figura dun can ou cadela. Porque o sexo aínda non o atopara, pero ti dalle tempo a un xaponés……..

Pola contra o noso científico galego, que non ía ser meno co Xaponés, observou, perto dunhas figuras que semellaban un home e un neno, algo así coma o debuxo esvaecido dunha nécora.

Ninguén lle fixo caso; ni ao científico Xaponés ni ao Galego. Fixeron coma quen ouve chover. Parvadas, dixeron.







X. Centro de Interpretación



Colleron os seus instrumentos de traballo, petates e acordoaron a zona deixando catro guardias armados, por si acaso; non vaia ser que algún espelido e revirado paisano fora cun martelo cravuñón e fixera unha desfeita, esnaquizando por completo o Petroglifo e rapinando algún que outro debuxo gravado, coma fixeran daquela algúns rateiros coas pirámides de Exipto.

Dirixíronse á taberna de Checho para xantar e comentar polo miúdo o novo descubrimento. Aquel estaba máis contento cunhas castañolas porque fixera con esta expedición unha chea de cartos fóra de tempada, e ao mesmo tempo pasaría á historia coma o patrón do barco que levou a expedición de científicos á illa na procura dun petroglifo milenario esquecido.

            Aos poucos meses mesmo montaron naquel lugar un Centro de interpretación Prehistórica, dándolle deste xeito un pulo económico importante á nosa Vila, sobre todo nos meses de verán onde achéganse xente de todas as partes do mundo. Mesmo Checho comprara daquela un catamarán con capacidade para cento cincuenta persoas sentadas, e que facía a travesía á illa en pouco máis de media hora.

            Por suposto Lois o marabillas, Quique e mais Toñito, sempre que ían á illa nas vacacións de verán viaxaban de balde no barco.

Agasallo da casa armadora, dicía con un aceno de complicidade Checho.


FINAL 

Dedicatoria
Á miña fermosa  illa de Aunios, con gratitude. 

            Nota
Este conto ten nomes recollidos no libro “A Galicia Celta” de Antonio Balboa Salgado, tamén nos “Estudos sobre a época céltica en Galiza”, de Leandro de Saralegui y Medina. Tamén documenteime no libro “arte rupestre no sur da Ría de Vigo” de Fernando J.Costas Goberna e outros autores.
 Navegando polo ciberespacio virtual de internet, boteille unha ollada a algunhas páxinas  web, especialmente fixeime en esta: “the curraghs of Ireland”, by James Hornell”.
            Fago tamén mención a topónimos que pódense atopar en calqueira vila, parroquia, aldea ou lugar coñecido e descoñecido do noso País, especialmente nas parroquias de Bueu: Beluso, Cela, Ermelo, Meiro, e por suposto na illa de Aunios. 

Adenda
Intencionadamente omitín poñer nome ao noso pequeno Brión, o primeiro habitante da illa de Aunios que topou a Morlinguer na praia de Lagoelas.  Agardo con agarimo que vosoutros lle poñades un.



jueves, 19 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios. 2ª Parte.-VIII.Expedición arqueolóxica


VIII. Expedición arqueolóxica



            Chegaron á nosa vila aos poucos e fíxose unha expedición catalogada top secret polas autoridades. Alugaron o barco de Checho e partiron cara á illa. Deseguida atoparon a laxe e o petroglifo. Con moito coidado: con luvas, mascarillas, bombonas de oxíxeno, enfundados en escafrandas especiais, que mesmo semellaban astronautas, conqueriron limpar toda a laxe, non sen dificultade.



            O petroglifo, xa o dixemos, estaba dañado, moi esvaecido os debuxos e deteriorado polas pedras esnaquizadas que bateron nel durante máis de mil anos.

 Agochado por diferentes capas de terra, apareceu de súpeto á vista de estos eminentes doutores. Todos quedaron abraiados, ata os máis escépticos.

            Tiña que ser él. O petroglifo perdido de Aunios, unha illa afastada nun recuncho do Atlantis tal e coma contaba a famosa lenda de Galwing. Unha vila celta e mariñeira da costa oeste de Ériu, a actual Eire, Irlanda.



            De contado un científico experto en linguas extranxeiras e prehistóricas, especialmente da idade de ferro reparou nos símbolos labrados na parte superior dereita da laxe. Estaba escrito en lingua “Gaélica”, que de feito aínda hoxe fálase nalgunha vila irlandesa, de Escocia e do País de Gales. Este científico tiña un libro máis grande ca él donde figuraba o alfabeto completo de todas as antigas linguas extranxeiras e a súa tradución aos distintos idiomas que se falan hoxe no mundo.

Quedaron todos aínda máis abraiados!

É un poema!

(Agora coñecemos que a poesía é un dos caracteres máis senlleiros do noso Pobo).



-Qué me dis!, responderon todos. Non pode ser!

-Sí, sí, é un poema e ademais ten oito versos divididos en dúas estrofas. Y está firmado por un tal……Brión, seica.



“No luscofusco dos tempos,

máis aló do anel de brétema,

chegou a Aunios Morlinguer,

o vello Bardo e poeta.



A súa voz aínda se escoita

cando funga o vento Aquilón,

dende Ériu ata Gallaeci,

e dende Galwing ata Bargon”



Fala dun tal Morlinguer, poeta bardo da aldea de Galwing que partíu nunha curragh, perdeuse no Atlantis e chegou á illa de Aunios, onde foi acollido pola tribo dos Brións. Igualiño co relato do “libro das invasión de Irlanda”, o “Lebor Gabala” escrito por uns monxes irlandeses aló polo século XII. (Según os estudos realizados, Irlanda foi o único territorio Celta que non foi dominado polos romanos, conservándose deste xeito as únicas narracións mitolóxicas).



-Arre demo!, dixo o científico galego máis sobranceiro.




miércoles, 18 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte- VII. Investigación


VII. Investigación



Escangallabamos da risa con algunhas fotos. Reparamos nas dúas únicas fotos feitas do petroglifo da laxe, onde houbera o incidente de marras. Chamamos decontado ao pai de Lois o marabillas. Achegouse e fixouse nos debuxos unha e outra vez. Dáballe voltas as devanditas fotos, revirábaas; ata de perfil. Os seus miolos empezaban a funcionar ao douscentos por cen.


- Non pode ser certo!, dixo ao final.

-Qué ocorre meu pai?, preguntoulle Loisiño preocupado.

-Pero vos sabedes o que atopáchedes, meus?

-Pois non, qué ven sendo logo?


Atoparan, sen sabelo, o petroglifo famoso que ninguén achara xamais. Houbo que agardar mil cinco centos anos  para que tres rapaces, amigos e compañeiros de instituto foran quenes de achar o maior descubremento da prehistoria dos nosos devanceiros.



            O pai de Lois levou as fotos ao Museo Provincial. Alí déronlle outra vez mil voltas; foron na procura duns libros moi antigos: incunables e anteriores, dende o Atlas do rei Planeta” ata chegar a un que se chama mapa de “Hispania coa costa da Gallaecia e o Uia Flumen, da Xeografía de Claudio Ptolomeo do século II d.XC, que seica foi un xeógrafo e astrónomo Grego de moita sona e fixo daquela e case sen medios a Geographia, unha especie de mapa mundi”.



            Aí estaba a resposta e o significado ao Petroglifo, agás un pequeno detalle. Había unhas letras e símbolos esvaídos polo paso do tempo, case impercetibles. Non estaban escritas en linguaxe romana, nin árabe, nin fenicia, nin exipcia, nin chinesa nin nada semellante.



            De qué idioma se trataba entón,  e cal podería ser o seu significado? si era que tiña algún, claro.



            Os expertos do Museo Provincial pediron axuda a científicos de todo o mundo mediante convocatoria oficial e tamén por vía diplomática. Mesmo chegaron a vir unha dúcia deles: expertos en grafoloxía, en carbono catorce, en historia, paleontoloxía, médicos forenses, da NASA, etc.

martes, 17 de julio de 2012

Festividade da virxe do Carmen, Bueu 16 Xullo 2012

Este luns, con un día soleado e caloroso de auténtico verán, fumos quen de participar na festividade da virxe do Carmen en Bueu. Procesión polas rúas, con  música da banda Artística de Bueu; misa dentro da lonxa e percorrido pola enseada de Bueu,  dende a praia de Beluso ata as bateas fronte a praia de Agrelo e Portomaior.
Emotiva ofrenda floral no mar lembrando aos nosos finados mariñeiros, e coa interpretación da "Salve mariñeira" pola banda de música.

Procesión pola Banda do Río





A Virxe do Carmen

lunes, 16 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte.-VI. De vota á casa



VI. De volta á casa



Chegaba o día da despedida da Illa. Con tristura, Lois o marabillas, Quique e Toñito despedíronse por derradeira vez da praia de Lagoelas, e da súa casa de fin de semana por uns días. Desmontaron as tendas de campaña, recolleron as súas cousas, por suposto tamén o lixo acumulado, e con morriña partiron cara ao peirao da illa.


Antes de chegar pararon no bar de Checho, que ademais, coma xa sabedes era o dono e patrón do barco bateeiro reconvertido en un de pasaxe, que lles levaría de volta para casa. Alí tomaron café con unhas pingas de aguardente os maiores, e un refresco de kas con xeo para os tres amigos.



-Qué tal meus, como foi a acampada?, preguntoulles Checho.

-Unha pasada, dixémoslle os tres á vez. Con gañas de repetir o vindeiro ano, a poder ser sen carabina.


 Contámoslle o noso descubrimento na laxe, perto do souto de piñeiros da praia de Lagoelas.


Hum, dixo polo baixo Checho con un aceno de misterio.

 El coñecía de oídas tanto o lugar como a historia dalgún deses debuxos feitos na laxe. Dubidou un chisco.



- Coido que daquela o pai de Lois o marabillas pode resolver as vosas dúbidas. Seguiu a contar: O Pai de Lois o marabillas, que era patrón de pesca, e mais eu andabamos nun barco de pesca ao Gran Sole irlandés hai tempo. Daquela desembarcabamos de cando en vez na costa oeste dese fermoso País para reparar as redes, e facer avituallamento nunha vila que se chamaba Galway no condado do mesmo nome “county Galway”, coido. Alí parabamos a xantar e a tomar unhas pintas de cervexa loira irlandesa que mesmo quitaba o tino a máis dun mariñeiro nunha taberna que se chamaba Aunios onde fixemos amizade cun vello paisano de mostacho e longas barbas, moi parlanchín; coido que se chamaba Morlinguer ou algo semellante, non o sei moi ben. Pregúntalle ao teu pai, Loisiño que eu xa vou vello e os meus miolos non dan para moito mais.


Ala, veña, bulindo!, collede os vosos petates que xa é tarde e  axiña imos partir.


A acampada resultou sinxelamente marabillosa. Chegaron ao peirao da Vila de onde partirán hai poucos días, con un sentimento de saudade e morriña, agardando voltar novamente. Esa foi a súa promesa.



Despois soubemos que Quique levara a revelar o carrete de cartucho da súa cámara de fotos marca kodak. Chamou por teléfono e quedaron en miralas na casa do irmán de Quique. Tamén tiveron a a deferencia de chamarmos a nós tamén, porque daquela, tampouco nos portáramos tan mal na illa, agás aquel pequeno incidente e posterior rifa por todos coñecida.