día y hora

martes, 6 de mayo de 2014

Eleccións europeas, 25 M, publicado no Faro de Vigo do 8 de Maio do ano 2014

Eleccións europeas, 25 M

Non hai forma. Somos reincidentes e tropezamos unha e outra vez contra a mesma pedra. Unha enquisa aos cidadáns publicada recentemente di que: “xa sexas traballador, parado, pensionista, crente, agnóstico ou ateo, sempre votamos e votaremos aos mesmos partidos políticos nas eleccións, eu diría que en calquera dos comicios que se celebren. Enganáronnos, mentíronnos, xogan con nós, desvalorizaron os nosos salarios, prestacións, pensións, as nosas ilusións, e aínda por riba sempre, seica, votaremos aos mesmos. O noso voto está predeterminado e cautivo. Somos de piñón fixo e descoñecemos, polo tanto, que o noso automóbil pode ter ata cinco ou seis marchas.
Agora que estamos ás portas dunhas novas eleccións europeas, repetirán as mesmas formacións políticas, alternándonse cíclicamente no tempo. Os mesmos slogans publicitarios, os mesmos discursos, agás algún ca outro extemporáneo e oportunista partido político que só fará confirmar a regla da excepcionalidade. E deste xeito botaremos outros cinco anos máis coa mesma inercia e anestesia política. Non somos conscientes das nosas propias forzas, das nosas posibilidades coma votantes. A abstención será un factor determinante que só favorecerá aos mesmos de sempre. Somos coma boias no mar sen amarras e a mercé do vento e as correntes.


Non somos quen de aprender as leccións que un tal Stéphane Hessel, un vello loitador europeo e europeísta nos legou e que están recollidas nos seus libros indignádevos! (indignez-vous!) e comprometédevos! (engagez-vous!). As súas ideas foron as precursoras, segundo din, dalgúns movimentos cidadáns coma o do 15-M, tan apaixonante e esperanzador ao principio, coma finalmente esvaeuse a fume de carozo.

martes, 29 de abril de 2014

Un breve conto: "o papaventos de Pepiño"

Non hai moito, un amigo meu contoume esta breve historia que lle aconteceu ao fillo pequeno dun mariñeiro...

O seu pai, que faenaba no Gran Sol irlandés, tróuxolle na derradeira marea un papaventos ben vistoso. Dende aquela andaba todo o día con aquel aparello voador. Iba á praia da Banda do Río, preto da súa casa, cando había vento forte e deixaba voar ceibe a súa imaxinación procurando achegarse o máis que podía ás nubes. Chegou mesmo a ser todo un experto, un artista facendo viravoltas imposibles, tensando, recollendo e liberando aquela piola que era coma o prolongamento natural do seu brazo.
(debuxo de Emilio Costas)
"Se poño máis cordel poderá mesmo acadar a lúa e o sol", pensou. E así o fixo. Pero un día, cunha nortada de medo, rachou a corda e soltouse o seu papaventos; levouno o forte vento moi lonxe, caendo no mar alporizado ata esvaerse nas frías augas.
Mamasiña, mamasiña: esparapapillóuseme o papaventos!, díxolle á súa nai cando chegou a casa chorando a moco tendido e aflixido.
Coitado, querrás dicir que escarallóuseche o teu papaventos, contestoulle a súa nai (sabemos que cando nenos, falamos un pouco mal, confundindo ás veces as vogais e consoantes). Pero ao ver o desacougo tan grande do seu fillo enmendou a tempo preguntándolle con interese: E cómo foi, entón, que esparapapillóuseche o teu papaventos, Pepiño? E deseguida faloulle agarimosa deste xeito:
"As veces non precisamos acadar as nubes, nin o sol, nin a lúa para seren máis felices. A felicidade está máis preto de nós do que pensamos, amarrada a unha curta piola de distancia dun fermoso papaventos".


martes, 22 de abril de 2014

escultura no tempo...

Unha rocha granítica esculpida pola choiva e o vento dende hai miles de anos..., semella...un (unha)...
cadaquén que lle bote un pouco de imaxinación.
(atópase entre as praias de Lagos e  Ancoradouro, Beluso, Bueu)

a gaivota viraventos

A gaivota mantén o equilibrio no peirao de Bueu, nun mar abromado que reflicte a cor plúmbea deste ceo...; orgullosa e firme na súa posición é coma un viraventos sinalando co seu peteiro o lugar de Cabalo en Beluso.

lunes, 21 de abril de 2014

Cadáveres..., resucitados!

No intre máis álxido desta teimuda crise económica, cando se apreciaba o ferruxe nas trabes de moitos edificios a medio facer, escribín un artigo: "cadáveres urbanísticos", e mesmo lle fixen unha foto a un deles.
(antes)

(despois)
Tres anos despois comprobei abraiado como aquel defunto urbanístico resucitou e agora, unha vez rematado, con póla de loureiro incluída, semella coma un illote no medio de océano, coma unha sinal inequívoca de que os gromos verdes de que tanto nos falaban ben poderían ser unha realidade..., a medias.

A medias, porque a vacina que tenta inocular o Goberno na nosa malparada economía non vai a chegar á meirande parte de todos nós. Teremos, pois, que acostumarmos a convivir con defuntos, doentes terminais e sandados milagreiros, sendo estos últimos unha excepción...que cofirma a regra de que endexamais voltaremos á desfeita doutros tempos.
Seremos quen de aprender dos nosos propios erros?

miércoles, 16 de abril de 2014