día y hora

jueves, 24 de mayo de 2012

"as SICAV", -Publicado en Faro de Vigo, 31-05-2012-


AS  SICAV

Por mor da actual recesión económica e as reformas “de gran calado” que está aprobando todas as semanas o Goberno, os nosos Xornais seican están mudando de contido.
Noutrora aínda podíamos leer nas súas páxinas as noticias do noso mar e o noso agro; as liortas nas parroquias, os problemas de tráfico, as falcatruadas cometidas polos nosos políticos máis sobranceiros, etc. Agora xa non. Convertíronse en diarios económicos ao xeito do Financial Times. Nas portadas aparecen cada día novas medidas económicas, que como últimamente hainas e moi importantes ocupan máis da metade das páxinas dos diarios, asemade coa morea de opinións de periodistas especializados, uns máis afoutados ca outros.
A continuación veñen as páxinas adicadas o análise diario dos mercados, cos indicadores das distintas bursas europeas e mundiales: o ibex, dow jones, nasdaq, nikkei, etc; sen esquecer aos nosos familiares máis próximos coma a curmá de risco. Esta, últimamente xa leva ela soa duas páxinas enteiras cos seus altibaixos imposibles.

Entrando na recta final dos diarios, onde antes había anuncios por palabras, a sección de deportes, carteleira, horóscopo, o tempo e mais sucesos, agora temos anuncios pero dos ERES do día, despedimentos e concursos de acreedores que a cotío teñen lugar nas nosas vilas, parroquias e aldeas.
Xa ao final, ocupando o espazo que para moitos ven sendo o máis importante onde podíase botar unha ollada ás esquelas dos finados e deste xeito darlles o derradeiro adeus aos nosos benqueridos defuntos que pasaron a millor vida, agora ocúpano coas convocatorias de xuntas xerais ordinarias e tamén extraordinarias das SICAV. Certamente éstas, mixtura de sociedades anónimas e de investimento que tributan no imposto de Sociedades ao 1% cando as demais penitentes pagan o 30%, son un  choio de medo. Recoñezo que eu non mirara anunciado nos xornais tantas SICAV na miña vida; medran ata debaixo dos penedos.
Finalmente, na contraportada, agora miramos sempre a fotografía dun ministro ou ministra ben parecidos, e tamén a de algún espelido feiticeiro economista que outro, sexa premio Nobel ou non, ofrecéndonos as receitas do día.
So nos falla por mirar na portada un destes días a convocatoria da SICAV do Sr. Presidente do Goberno: “Rajoy Investimentos, S.I.C.A.V., S.A.”, convocando a todos nós a unha xunta xeral extraordinaria para o vindeiro día 28 de xuño na primeira convocatoria á hora do almorzo, i en segunda o día 29 do mesmo mes despois de espertar da soneca que entra vendo as noticias económicas do telexornal das 3 do serán. O único asunto do orde do día ten que ser este: “Cómo demo hai que facer para que nos deixen en paz os teimudos e revirados mercados”.

Asdo. Gobierno de España.