día y hora

lunes, 27 de agosto de 2012

UNHA ENTIDADE LOCAL NON TAN MENOR-publicado no Faro de Vigo, 29-08-2012


UNHA ENTIDADE LOCAL NON TAN MENOR

Nas páxinas do Faro de Vigo do domingo día 26 de agosto aparece un artigo informando para o ano 2015 da supresión das Entidades Locais Menores, segundo o anteproxecto de lei do Goberno de “racionalización e sostenibilidade da Administración local”.

            Abofé esta medida, xunto con outras aprobadas recentemente, ven imposta dende fóra, coma contrapartida á morea de diñeiro ao xeito de liña de creto, rescate ou coma queiran chamarlle, que nos van emprestar os nosos socios europeos, por mor de teren desbaldido os cartos de todos nós en infraestructuras maniñas e contratacións, cando menos dubidosas, entidades locais Maiores coma algúns concellos, e que agora están en afogo económico.

            Comparto a opinión de Domingo Bello Janeiro, catedrático de dereito civil, cando di que “hai que eliminar duplicidades e competencias impropias”; pero tamén comparto o sólido argumento de Roberto Ballesteros, alcalde pedáneo de Bembrive, que fundamenta a non supresión destas Entidades senlleiras e tan enraizadas no eido da nosa vida municipal cando manifesta que as Entidades Locais Menores son o elo máis achegado aos veciños e as que miran polas súas necesidades máis inmediatas na procura sempre do seu acougo como núcleo diferenciado-máis de catro mil veciños ten esta parroquia de Vigo, superior a pobación de moitos ilustres concellos galegos-, dando, deste xeito, cumprimento ao artigo 9 do título preliminar da nosa Constitución, que salienta a importancia dos Poderes Públicos en “facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”.

            No canto de suprimir estas Entidades Locais Menores, habería que potencialas aínda máis-cumprindo escrupulosamente, eso sí, as súas obrigas, tanto económicas coma contractuais-, restándolles competencias, por exemplo, ás Diputacións Provinciais, que nalgúns casos semellan máis preocupadas en perpetuar o clientelismo político que en priorizar investimentos necesarios nas nosas vilas e parroquias.

            Algunhas Entidades Locais Menores, coma a de Bembrive, son o exemplo máis evidente de aproximación directa da política ao servizo dos cidadáns.