día y hora

viernes, 5 de abril de 2013

Pintor Laxeiro, beirarrúa perigosa, publicado no Faro de Vigo, 9-04-2013


Pintor Laxeiro, beirarrúa perigosa


Este pequeno treito -pola banda esquerda- que vai dende a rúa Regueiro ata a esquina da rúa Gerona, onde a diario pasamos, amén doutras persoas, nenas e nenos, estudantes do colexio Miralba, tamén coñecido coma Xeusitinas, acompañados ou non das súas nais, pais, avós e demais familia, semella un campo de guerra minado e, polo tanto, é unha zona de alto risco.

Ademais de estreita -ou pasas ti ou paso eu-, atopamos unha morea de lousas esnaquizadas e levantadas que, con pouco que lle des coa punta do zapato, poden brincar e mesmo deixarche un ollo mazado. Abofé, non hai unha lousa sa, deica o punto que, debido ao estado lamentable da beirarrúa do afamado pintor, os sufridos comerciantes da zona xa teñen unha caixa de urxencias ad hoc nas súas portas para sandar as feridas nos nocellos, os escorbaduras ou caídas de peóns que se producen a miudo. Non é que queira ser retranqueiro de mais, pero semella que o noso Concello trata mellor ao Pintor Colmeiro, que da nome tamén a una rúa próxima, que ao noso egrexio e benquerido Laxeiro.

Polo tanto, solicito ao Sr. Alcalde que, polo ben das persoas que pasamos a diario por ese cachiño esquecido da man do noso Señor, e tamén do noso Concello, amañen ou humanicen a devandita beirarrúa dunha vez por todas; por pedir, pregaría tamén que continuasen arranxando ata a rúa Camelias, pero coido que entón fundiríamos as depauperadas arcas municipais. Moi agradecido.

Nota: Será casualidade, intermediación Diviña ou efecto do fenómeno da física cuántica, acción-reacción (se un é agnóstico), o feito é que no día de hoxe (11 de abril) unha cuadrilla de obreiros comezaron a amañar a beirarrúa. Será só un remendo? Parabén ao noso Concello.
Loado sexa o noso Señor!

lunes, 1 de abril de 2013

PARAUGAS DESFEITOS


PARAUGAS DESFEITOS 

A piques de rematar este furibundo e interminable inverno comprobamos, ao redor dos colectores do lixo ou dentro das papeleiras das nosas vilas e aldeas, coma xoguetes esfarrapados, unha morea de paraugas, ou o que queda deles. É unha sinal e un presaxio, ao mesmo tempo, da dureza librada no campo de batalla e das graves feridas inflixidas que non lles van permitir acadar nin aturar un inverno mais.

            Eu, por comparar, comparo, só no seu xeito, un paraugas inerte cunha árbore chea de vida, onde o mango de aquél ven a ser o tronco, as baleas –as que aínda quedan- representan as pólas, e a tea impermeable semella as follas que xuntas conforman a copa, chegando a cubrir por enteiro a súa figura.

            Comeza, pois, unha nova primaveira, onde aparecen por todas partes paraugas desfeitos, coma árbores derrubadas polo forte vento do Sur, deixando na nosa memoria lembranzas daqueles que o perderon case que todo: o seu traballo, os seus aforros e ata mesmo a saúde.

            Coma acontence coa nosa natureza máis sabia, esa árbore caída pode ser, quizais, a semente dunha nova vida; pero os paraugas vencidos e revirados polo vento só pódense arranxar no mundo da fantasía.