día y hora

martes, 29 de abril de 2014

Un breve conto: "o papaventos de Pepiño"

Non hai moito, un amigo meu contoume esta breve historia que lle aconteceu ao fillo pequeno dun mariñeiro...

O seu pai, que faenaba no Gran Sol irlandés, tróuxolle na derradeira marea un papaventos ben vistoso. Dende aquela andaba todo o día con aquel aparello voador. Iba á praia da Banda do Río, preto da súa casa, cando había vento forte e deixaba voar ceibe a súa imaxinación procurando achegarse o máis que podía ás nubes. Chegou mesmo a ser todo un experto, un artista facendo viravoltas imposibles, tensando, recollendo e liberando aquela piola que era coma o prolongamento natural do seu brazo.
(debuxo de Emilio Costas)
"Se poño máis cordel poderá mesmo acadar a lúa e o sol", pensou. E así o fixo. Pero un día, cunha nortada de medo, rachou a corda e soltouse o seu papaventos; levouno o forte vento moi lonxe, caendo no mar alporizado ata esvaerse nas frías augas.
Mamasiña, mamasiña: esparapapillóuseme o papaventos!, díxolle á súa nai cando chegou a casa chorando a moco tendido e aflixido.
Coitado, querrás dicir que escarallóuseche o teu papaventos, contestoulle a súa nai (sabemos que cando nenos, falamos un pouco mal, confundindo ás veces as vogais e consoantes). Pero ao ver o desacougo tan grande do seu fillo enmendou a tempo preguntándolle con interese: E cómo foi, entón, que esparapapillóuseche o teu papaventos, Pepiño? E deseguida faloulle agarimosa deste xeito:
"As veces non precisamos acadar as nubes, nin o sol, nin a lúa para seren máis felices. A felicidade está máis preto de nós do que pensamos, amarrada a unha curta piola de distancia dun fermoso papaventos".