día y hora

viernes, 26 de diciembre de 2014

O bo, o feo e o malo



O bo, o feo e o malo

Sentado nun banco da alameda da miña parroquia e parodiando o título do ‘spaghetti-western’ de Sergio Leone, non quixera despedirme deste funesto ano 2014 sen dedicarlle unhas breves liñas aos protagonistas principais. En primeiro lugar temos ao malo ou malos da película: aos bancos –tamén chamados entidades financieiras- que un ano máis aplican teimudamente e sen compaixón desafiuzamentos, cláusulas e comisións abusivas aos seus clientes; o máis ruín de todos é o denominado ‘banco malo’; si, aquel invento de activos inmobiliarios propiciado e bendecido polo noso Goberno que se dedica, entre outras cousas, a vender a ‘fondos buitres’ aquelas vivendas que agora alugan en condicións leoninas aos seus antigos donos. Tamén a todas aquelas persoas corruptas que despois de sentarse no banco dos acusados entraron ou están a piques de entrar, por fin, no caldeiro.
O bo desta película non é para un banco convencional senón para un máis humano, o ‘banco de alimentos’ que fai o que o noso Goberno debería, dar comida precisamente aos máis vulnerables e tamén un pouco de dignidade e comprensión nestes intres de crise económica. Tamén quero subliñar a outro banco bo, ‘o de sangue’, que insufla vida nas nosas veas cando máis a necesitamos, para que despois lla doemos –vía impostos- aos bancos malos da película.
Síntoo, pero o feo tócalle este ano a un que está sentado precisamente nun banco ou bancada azul do noso Goberno. Cadaquén pode pensar o que queira. Eu teño a miña propia opinión ao respecto.
Agardemos que o vindeiro ano nos depare mellores oportunidades. Tras da néboa vén o sol. Bo Nadal e Felices Festas!