día y hora

lunes, 19 de mayo de 2014

A recta do peón (2ª parte): Circuito moto GP

A RECTA DO PEÓN (2ª parte): Circuito moto GP

Situémonos primeiro. Esta singular recta que hai na parroquia de Beluso, en Bueu, con carrís de 3,50 metros de ancho, cun aparcadoiro en toda a súa marxe esquerda en dirección a Aldán, é o primeiro circuito de motos GP que temos na Península do Morrazo.
            Por esta peculiar e longa recta, dun treito que no chega nin a 1 Km sequera, circulan a diario automóbiles, chimpíns, bicicletas, o Cerqueiro e máis as motos. Algunhas destas semella mesmo que voan polo asfalto cando observamos coma adiantan a toda velocidade, a miúdo en raia contínua, e escoitamos o seu son enxordecedor ao meter a palanca de cambios ata o infinito e máis aló acadando unhas velocidades de vértixe, moi superiores ás permitidas.
            Recoñezo que non me gustan as motos, e menos aínda algúns moteiros que, fachendeando dos máis de 500 cc - cos seus correspondentes catro cilindros en línea-, das súas Yamaha ou Kawasaki, poño por caso, semella que rachan a velocidade do son e rebentan tamén os nosos tímpanos en tan só 10 segundos para, aos poucos, reducir as súas máquinas de competición porque unha vez rematada esta recta hai unha curva, e outra, e outra tamén semellando esta estrada comarcal que vai dende o concello de Bueu ata o de Cangas -pola costa- unha serpe sen fin.

            Por certo, que neste tramo de alcatrán –a recta do peón- feito, seica con precisión dun tiraliñas, non hai unha, nin dúas, senón que hai ata catro pasos de peóns cos seus sinais de tráfico correspondentes que advirten aos condutores –se teñen un pouco de sentidiño- da presenza humana por estes lugares que cruzan o seu marxe dun lado a outro para ir as súas casas ou leiras, nenas e nenos que van á escola incluídos.