día y hora

miércoles, 6 de febrero de 2013

QUE NON MEDRE O ABATEMENTO......


QUE NON MEDRE O ABATEMENTO……
(que no cunda el desánimo)
(recollido no meu poemario, VAGANTÍO)

Malas novas chegan dende o Norte,
e no ar hai un recendo
a desacougo e renuncia.
Políticos desleixados
podrecen as nosas veas,
contaminan o ar limpo
de propostas tolleitas.
Envelenan as ilusións
dunha xeración perdida
e logo nos din, con desprezo,
que "sabían o que facían".
Por mor duns cantos ladróns
que sorrín ás agachadas,
que empobrecen a nosa vida
e fenden a nosa ialma (l)                             (1)  (licenza poética)
estamos hoxe aquí, xuntos,
para que non nos quiten o soño,
para que non aldraxen esta Democracia,
acadada despois de moitas e
fatigosas batallas.
A Educación, a Sanidade, a Xustiza,
a nosa Cultura, o emprego;
as nosas vidas esnaquizadas;
queren ferir de morte este devezo compartido.
Queren soterrar no esquecemento
esta nosa rebeldía pacífica,
para que sexamos
coma vagas sen escuma, árbores sen raíz,
boias á deriva como dicía Ortega y Gasset,
a mercé dos mercados aloucados
e políticos insensibles e mercenarios.
Temos a obriga de afiuzarmos,
de seguir berrando,
de desenmascarar as medias verdades,
de non ter medo a equivocarnos,
de seguir sumando esforzos.
Non nos deixemos enredar
polas palabras políticamente educadas.
Non nos deixemos engaiolar por falsas promesas,
que só buscan atordarnos,
e non resolven as nosas inquedanzas.
Só Nós seremos quen
de virar este rumbo errado que nos queren impoñer.
Só Nós seremos quen
de coller o temón da nosa propia existencia.
Que non medre o abatemento. 

martes, 5 de febrero de 2013

INCOMUNICACIÓN VS COMUNICACIÓN


INCOMUNICACIÓN VS COMUNICACIÓN

Ensináronnos dende pequenos a comunicarnos, pero non a incomunicarnos. Xa dende a barriga, felizmente incomunicados no líquido amniótico e tan a gusto, os nosos pais invitáronnos a saír coa promesa de que, fóra na vida extrauterina, estaríamos mellor comunicados.
A incomunicación, en principio, debería ser a negación, a ausencia de comunicación, pero eu coido que as dúas son tan complementarias coma necesarias; é máis, penso que non podería existir a unha sen a outra. Son coma o día e a noite, o sol e a lúa, elementos imprescindibles para a vida. Despois dun tempo prolongado de comunicación precisamos, necesitamos outro de silencio; coma o mar precisa a calma despois dunha marusía. Entón, por que ese empeño enfermizo de termos que comunicar constantemente. Ás veces, non dicires nada é un xeito válido de comunicación coma outro calquera; unha insinuación, un xesto, unha mirada. Debemos aprender a escoitar o silencio. Incomunicación vs comunicación: que gran dilema; que gran verdade; qué gran mentira.

lunes, 4 de febrero de 2013

Conversas co meu refrixerador


CONVERSAS CO MEU REFRIXERADOR

Xa mo advertiu o vendedor cando troquei o meu vello refrixerador por un “no frost, clase A plus”: “este aparello ata pode mesmo falar”. Non lle dei máis importancia ca dunha sutil técnica de venda, coñecedor cun ferrancho sofisticado, por moi no frost que sexa, é incapaz de levar unha simple conversa. Pero foi ao terceiro día, nunha desas interminables noites de insomnio cando comprobei abraiado que era certo, o meu refrixerador non é que fale pronunciando vogais e consoantes, senón con sons agudos ou graves dependendo do estado de ánimo. Dende ese día aprendín a súa linguaxe, do mesmo xeito cos científicos interpretan os infrasons que emiten os cetáceos, coma as baleas, dende as profundidades oceánicas. Polo día permanece en silencio, cumprindo o seu quefacer, enchufado polo cordón umbilical á rede eléctrica, e pola noite espreguízase dando o seu primeiro bocexo despois da media noite.
Ás veces sinto o seu son dende a miña cama, chamándome cun asubío suxestivo, e non me queda outra que ires á cociña a ver que quere. Últimamente non fai mais que botar laídos, queixándose amargamente da súa falla de liberdade encaixado no moble á medida que lle fixemos na cociña. Entón eu dígolle que fóra as cousas non están millor, que non é todo o que parece, e que nós, as persoas, tamén estamos perdendo a pouca liberdade que temos, enchufados a unha realidade que nos supera e desconcerta.
Abofé, sei que ninguén vai crer esta simbiose tan extravagante e pensará: “cadaquén coa súa teima”, i eu non serei quen de negalo.