día y hora

miércoles, 28 de mayo de 2014

O Poder dun Movemento: eleccións europeas, 25 M, publicado no Faro de Vigo, o día 11 de Xuño do 2014

O Poder dun movemento

Dixen nun artigo, antes das eleccións europeas, que o Movemento do 15 M esvaeceuse coma a brétema no verán, coma fume de carozo, dicía. Estaba equivocado. 
Milleiros de persoas desencantadas coma parias nesta xove democracia estéril, simplemente estaban agochadas, latentes, agardando a súa oportunidade electoral.
Podemos, este movemento cidadán que ven, seica, para quedar entre nós, e que acadou 5 escaños nos comicios europeos, sacudiu os alicerces de moitas conciencias baleiras e tordas. Rebentou coma unha presa debido á medra dun río caudaloso de xente indignada. É certo que este movemento surxiu coma unha fenda na nosa sociedade e medrou ao abeiro da crise económica, da corrupción e da desfeita de políticas equivocadas.
 Se algunha vez esta tenaz crise nos deixa, quedará na nosa conciencia un pouso agre de tristeza lembrando a todos aqueles que non foron quenes de acadar o final do túnel nin de ver agromar algún día os seus desexos de prosperidade.

Só fai falla que esta marea social non defraude aos seus simpatizantes e votantes. Ten que definir e canalizar a súa estrutura política, por exemplo. Aínda lle queda un longo e dificultoso camiño por percorrer, cheo de cambadelas por parte dalgúns partidos políticos esgotados e rancios que, sen disimular a súa envexa, tentarán atopar o seu talón de Aquiles para botarlle o seus meigallos.

lunes, 26 de mayo de 2014

Purga nas redes sociais; publicado no Faro de Vigo do vinte e nove de Maio do ano 2014

PURGA NAS REDES SOCIAIS

As redes sociais son quenes de transmitir de xeito instantáneo, a golpe dun “tweet”, toda clase de comentarios. Afoutados hainos en todas as partes, tamén nos medios de comunicación nos que algún xornalista, opinante ou contertulio, ao abeiro da súa liña editorial, son capaces de dicir as mesmas barbaridades, sutilmente disimuladas en canto ás formas se refire, comparables ás dalgúns “tuiteiros” que estes días están saíndo coma praga bíblica do seu mundo virtual para seren reprendidos públicamente coa intención de tentar perseguilos xudicialmente polos seus desafortunados comentarios.
            Partindo da inquebrantable liberdade de expresión, todos somos quenes de expresar a nosa opinión, rexeitando socialmente aquelas que só persiguen o insulto fácil e mais a calumnia. Outra cousa ben distinta é probar a intención delictiva deses “tuiteiros” se non é outra ca da ser una quentura virtual pasaxeira e inxustificable. Estamos a falar en termos xurídicos, naturalmente. Se lle facemos caso á proposta dalgún ministro do noso Goberno, faría falla empregar un número considerable de funcionarios públicos (corpos de seguridade do Estado, xuíces, etc) que non terán outra cousa mellor que facer, seica, que andar todo o día perseguindo por internet aos milleiros de “tuiteiros” que cada minuto envorcan nas redes sociais as súas mensaxes. Se todo aquel que larga algunha barbaridade nas redes sociais non pretende acadar outra cousa que a complicidade das súas propias mesquindades, só podemos convidar aos seus “followers” para que censuren sen paliativos as súas mensaxes.

            Sempre debemos expresar a nosa opinión dun xeito responsable e comprometido, non dicindo calquera barbaridade que se nos ocorra. Na soidade virtual do noso iPad ou móbil tamén podemos expresar a mellor das nosas intencións.