día y hora

viernes, 9 de mayo de 2014

"mimetismo"



a este vello lárido, a gaivota, perfectamente mimetizada na contorna, góstalle contemplar as dornas amarradas ao pantalán do porto de Bueu...

martes, 6 de mayo de 2014

Eleccións europeas, 25 M, publicado no Faro de Vigo do 8 de Maio do ano 2014

Eleccións europeas, 25 M

Non hai forma. Somos reincidentes e tropezamos unha e outra vez contra a mesma pedra. Unha enquisa aos cidadáns publicada recentemente di que: “xa sexas traballador, parado, pensionista, crente, agnóstico ou ateo, sempre votamos e votaremos aos mesmos partidos políticos nas eleccións, eu diría que en calquera dos comicios que se celebren. Enganáronnos, mentíronnos, xogan con nós, desvalorizaron os nosos salarios, prestacións, pensións, as nosas ilusións, e aínda por riba sempre, seica, votaremos aos mesmos. O noso voto está predeterminado e cautivo. Somos de piñón fixo e descoñecemos, polo tanto, que o noso automóbil pode ter ata cinco ou seis marchas.
Agora que estamos ás portas dunhas novas eleccións europeas, repetirán as mesmas formacións políticas, alternándonse cíclicamente no tempo. Os mesmos slogans publicitarios, os mesmos discursos, agás algún ca outro extemporáneo e oportunista partido político que só fará confirmar a regla da excepcionalidade. E deste xeito botaremos outros cinco anos máis coa mesma inercia e anestesia política. Non somos conscientes das nosas propias forzas, das nosas posibilidades coma votantes. A abstención será un factor determinante que só favorecerá aos mesmos de sempre. Somos coma boias no mar sen amarras e a mercé do vento e as correntes.


Non somos quen de aprender as leccións que un tal Stéphane Hessel, un vello loitador europeo e europeísta nos legou e que están recollidas nos seus libros indignádevos! (indignez-vous!) e comprometédevos! (engagez-vous!). As súas ideas foron as precursoras, segundo din, dalgúns movimentos cidadáns coma o do 15-M, tan apaixonante e esperanzador ao principio, coma finalmente esvaeuse a fume de carozo.