día y hora

lunes, 12 de mayo de 2014

"namorado" como atenuante, publicado no Faro de Vigo o día 13 de Maio do ano 2014

Namorado como atenuante

Xa sabemos que cando ven a primavera chegan os maios e as nosas ferohormonas revoan libres coma bolboretas. Aconteceulle tamén a un xograr chamado Macías o “namorado” que, seica no século XIII facíalle as beiras ás mozas recitando as súas cantigas na Península do Morrazo, segundo está documentado nun pergameo atopado e que pertence ao antiguo cenobio do lugar de Ermelo en Bueu –hoxe igrexa-.

Pero estar namorado, nin na época medieval nin agora pode ser un atenuante dos tipificados no código penal para que os avogados dalgúns presuntos ilustres culpables pretendan, con só dicir que os seus clientes estaban “namorados” ata os miolos, conseguir do xuíz que abrande o seu corazón namorado e, deste xeito, ver minguadas as súas futuras condenas. Esto sería tan absurdo como dicir que facer a declaración da renda é algo semellante a facerlle o amor ao teu país. Non! Estar namorado ten que ser un acto gratuito, sincero e correspondido, non unha imposición.
 Tentar convencer a cidadanía de que os seus defendidos actuaron por mor de estímulos tan poderosos coma padecer de “locura de amor transitoria” debería ser sancionado polos nosos tribunais, por ser unha táctica procesual revirada, antisocial e utilizada con manifesto abuso do dereito.