día y hora

viernes, 17 de agosto de 2012

UNHA NOITE DE VERÁN-Poesía

UNHA NOITE DE VERÁN


Lámpadas tenues e dispersas
marelecen os camiños na noite estrelecida.

Os focos dun automóbil
alumean a estrada escura que baixa
ata deixar atrás o luminoso
dunha cafetaría.

Na outra banda da ría
diminutos foguetes artificiais sen estrondo
prenden o ceo do 15 de Agosto,
na honra da Asunción de María.

A lúa sucede ao sol,
coma a noite sucede ó día.

jueves, 16 de agosto de 2012

HAICHE PERSOAS BEN RARAS- POESÍA

HAICHE PERSOAS BEN RARAS


Outro día máis escoitando verdades irrefutables,
consellos inútiles, vivencias intrascendentes,
e non respondo da miña pacífica condescendencia.
Preciso con urxencia un soro de humildade nas miñas veas
que afaste esta desazón que me abrangue.

Envorca a eiva que tes, froito da túa propia ignorancia,
contra aqueles espectadores dóciles
que sorrín, aturan e aplauden
as túas inxenuas parvadas.

Pero non fagas escravos ós demaís da túa presenza,
contando historias tan infecundas coma tolleitas,
porque ninguén vaiche levar a contraria,
sendo como eres......., unha persoa ben rara.

miércoles, 15 de agosto de 2012

FESTAS GASTRONÓMICAS- Relatos do verán; publicado no Faro de Vigo, 23-08-2012


FESTAS GASTRONÓMICAS

Non hai outro lugar no mundo coma a nosa Terra con máis festas gastronómicas por metro cadrado. Hainas durante todo o ano, pero no verán amosan todo o seu esplendor e variedade. En cada recuncho afastado das nosas vilas, parroquias e aldeas hai unha, dúas ou as que fagan falla, porque do que se trata é que, durante uns días, o teu pobo sexa o branco de todas as miradas e a envexa da vila lindeira. Quero salientar, con non pouca morriña debo dicir, que as enchentes gastronómicas de hoxe son distintas das que espontáneamente adoitaban facer os nosos devanceiros, xa sexa no monte ou na praia, ó abeiro das romarías máis senlleiras. Agora todo está medido e controlado polos concursos públicos que artellan os nosos concellos que, ao mesmo tempo  que dan a coñecer a propios e veraneantes a variedade e excelencia gastronómicas dos produtos da terra, tentan, deste xeito,  dar un pulo  económico á súa malparada economía.

 Toldos e chafarices ó xeito de “jaimas” árabes ateigan as nosas prazas; ringleiras ao chou de famélicos convidados coma se dun campamento da mili se tratase fórmanse diante da caseta dos tickets de venda; mesas forradas de papel rachado ao xeito de banquete de voda cheíñas de xente famenta máis pendente de botarlle o dente ao prato do veciño que do seu; pratos, vasos, culleres e garfos de trola; por non falar de todas aquelas ánimas que levan tuppers e bursas de plástico para enchelos das sobras de comida que queda ciscada pola mesa. Hai familias abonadas a todas as citas gastronómicas  da bisbarra: a da sardiña, a do mexillón, a do carneiro ó espeto, a da tortilla, a da empanada, a do polbo, a da cigala, etc; ata os nenos da teta comparten esta esmorga de larpeiros chuchando co chupete as faragullas de pan de millo e tamén nas charcas de viño que zarrapican o mantel. 

            Só hai que mirar as facianas pracenteiras dos comensales cando saen nas fotos que publican os periódicos ao día seguinte. Non importa nin a diabete ni o ácido úrico; eche o mesmo que che suba ese día o azucre ou o colesterol ata límites perigosos. Un día é un día!, din cos ollos birollos e as fazulas inchadas de pracer gustativo. Mañá haberá que acudir ao centro de saúde para amañar esta desfeita, retrucan sorrindo. Entón estaremos durante os seguintes días a pan seco, tomando infusións de macela ou herba luisa, e ateigados de comprimidos que nos receita, coa conseguinte rifa, o noso médico,  ata a vindeira festa gastronómica.

TEMPO AMOUCADO- POESÍA

TEMPO AMOUCADO


Chove a chuzos;
unha cortina de auga varre sen tregua
o ceo anubrado e plúmbeo.

O mar alporizado de ondada sen fin
bate no facho solitario
e na lene ribeira.

Unha mera gris confusa
 envurulla na costa os soutos de piñeiros,
e a casa grande de xente soberbia.

domingo, 12 de agosto de 2012

POESÍA. NUBES-RELANZO

NUBES


Formas indescriptibles, caprichosas, ateigan o firmamento,
ás veces deixan albiscar un nidio que axiña é agochado
por un manto mesto algodoeiro.

Engordan, esténdense, encollen o seu ventre,
dividen os seus núcleos coma mitose celular,
fagocítanse, e despois........
esváense cara ó Norte, paseniño,
ao compás do vento morno do Sur,
envoltas nun halo de misterio.

******


RELANZO


Fóra, o mar libre embravecido;
dentro, ó abeiro dos penedos,
un lago manseliño de augas salitrosas
bota pequenas vagas á ourela,
enchoupando a praia de area grosa.

Ao redor, unha fraga case virxe
de eucaliptos e piñeiros
acubilla o seu areeiro.

Devala o sol ata acocharse
detrás da illa,
e a derradeira raiola da paso
á noite estrelecida.