día y hora

viernes, 21 de noviembre de 2014

Que volva o 'calvo' da lotería; publicado no Faro de Vigo, 24 de Novembro de 2014

Que volva o 'calvo' da lotería

Xa está ben de tanta chacota e retranca co gallo do anuncio publicitario da lotería de Nadal. Non foi suficiente co esperpento de ver e escoitar o ano pasado a unha decrépita Montserrat Caballé e  tamén ao Raphael que aínda por riba temos que aguantar este ano unha enchente de parodias e caralladas nas redes sociais, caricaturas e debuxos (incluido o do noso Davila de Bueu no Faro de Vigo).
E todo por culpa do noso Goberno, porque non foi quen de facerlle –coma fixo daquela o Partido Popular con Bárcenas- un contrato simulado e diferido como Deus manda ao noso benquerido calviño. Co bonito que era aquel Nadal, coas súas luces nas rúas, a súa música apegadiza, a árbore, a volta a casa do turrón, etc. Polo menos o anuncio da lotería do calvo, o que foi durante moitos anos símbolo inequívoco do Nadal, tiña máis maxia, era crible aínda que xamais nos tocara a vostede nin a min a pedrea. Pero, quén carallo é o parvo que lle garda un décimo de lotería (que ao final, disque, foi premiado) a un malpocado coma o home do anuncio de marras que non foi quen de compralo? Esta trola non a cre nin un neno da teta!; é como dicir que a reforma laboral do 2012 foi un agasallo para os traballadores, e que ía solucionar o desemprego, a pobreza enerxética e mais a fame que están a padecer moitas familias no noso país.

Por favor, que volva o calvo da lotería para quedarse, polo menos, mil primaveras máis. Imos ser igual de pobres, pero con clase.