día y hora

jueves, 18 de diciembre de 2014

'Afumados' na cafetería; publicado no Faro de Vigo o día 22 de Nadal de 2014

Afumados na cafetería

A popular lei ‘antitabaco’ di, entre outras cousas, que non se debe botar nin medio pito nun establecemento público como unha cafetería ou tasca, por exemplo. E o que queira fumar que vaia fóra, como ten que ser. Será porque xa pasou o efecto da anestesia legal ou porque a xente está máis relaxada que despois de catro anos da entrada en vigor da lei de marras algúns fumadores, sobre todo cando hai partidos de fútbol televisados, deixan a porta a medio entornar ou franqueada de todo sen mais e agardan nesa indefinición espazo-temporal co vaso de viño nas súas mans os noventa minutos regulamentarios botando fume coma chemineas, e claro, por mor do efecto da física cuántica esa emisión tóxica de substancias divididas en partículas de alquitrán, nicotina e monóxido de carbono ven de fóra para dentro penetrando en directo e tamén en diferido nos pulmóns e sistema respiratorio, acadando ao fin o noso miolo. Entre o cheiro a fritanga e o fume  inducido do tabaco semella que hai neboeira en todo o perímetro do bar, e a roupa fede  que alcatrea, e temos que lavar a miúdo ata os calzóns, aínda que esto último sería recomendable facelo tódolos días, non por hixiene persoal senón por razóns de saúde pública elemental en beneficio da comunidade.

Se cadra, a solución pasaría por pechar a porta como Deus manda ou, seica, darlle unha escafandra hermética, coma as dos astronautas, a cada fumador.