día y hora

lunes, 25 de junio de 2012

"BANDULLOS"-publicado en Faro de Vigo, 1-07-2012-


"BANDULLOS"

Abofé que non mirara tantos nas nosas praias coma neste verán. Só fai falla pasear pola beira do mar para bater cos fociños cun destes bandulleiros ou bandulleiras, ou se cadra mirar de esguello e telos ao carón estomballados enriba das toallas, e observar como suben e baixan amodiño ao compás da respiración. Temos bandullos de todos os xeitos: bicudos, arredondados, de esquerda, de dereita e a algún que outro bandullento pendúralle ata chegar mesmo aos xeonllos. Coma este ano o verán fíxose o lacazán e chegou despois do corenta de maio, están cadanseus brancos, agás os que tiveron a afouteza de coller cor bronceado nunha desas máquinas endemoñadas que cuspen raios uva.

            O bandullo é directamente proporcional á crise económica, porque canto máis medra esta máis fanno os nosos bandullos que agroman as veces ao abeiro das antucas, e non precisamente debido a  comer ou beber á esgalla, non, porque os nosos bandullos están feitos de aire comprimido produto das trolas que nos agasallan de cando en vez os nosos políticos. O que antes era un non ou un sí rotundos, agora é un mar de dúbidas e isto tradúcese nun desacougo tan  grande que o noso bandullo inflámase irremediablemente. Se, poño por caso, a prima de risco acada máis dos 500 puntos básicos, o noso bandullo espido ínchase na mesma proporción; que solicitamos un S.O.S. a Europa e concédenos un préstamo de ata 100.000 millóns de euros para o noso sistema financieiro, pois o mesmo.

 Estas novas políticas e tamén económicas, primeiro penetran polo nariz, baixan pola tráquea e chegan ata os nosos alvéolos pulmonares; prodúcese entón o intercambio de gases entre o osíxeno e o CO2 para logo chegar ao esófago e finalmente rematar no noso estómago onde fermentan e as veces producen certos gases que espállanse ceibes pola hipodermis, dermis e epidermis ata acadar o noso bandullo benquerido dando como resultado a aparencia por todos coñecida.

No hay comentarios: