día y hora

lunes, 4 de noviembre de 2013

MIRAFONDOS (poemario), escolma de poemas

                                                                 


Sinto que fuxen
as miñas palabras;
precipitarse
o meu pensamento
cara ó infinito.

A mirada perdida
no punto equidistante
do luscofusco vespertino
anega o meu corazón ferido,
e transpórtame alén do mar,
cara a outro mundo
de ilusións e de vellos
soños fragmentados.


***


Sei que o Outono
                        está aquí;
entrou pola fiestra da casa
enchoupando, intermitente,
5          a concavidade vermella do tellado.

Enriba, o ceo ameazante
énchese de chumbo algodoeiro,
arrastrado polo vento
preguizoso e morno do Sur.

10        Sei que, logo, virá o inverno;
caerá, de cedo, a noite,
e asolagará as veigas e  soutelos
coa súa luva sombría.

Sei que haberá, aínda, moitos
15        días anubrados,
moitas e longas noites
                        de espera,
de inquedanza,
agardando volver a verte de novo
                        en Primavera.

21        Sei que si pecho os ollos
atopareiche e atoparasme
ao carón do mar,
camiñando cos pés descalzos
                        pola area.

26        Sei, tamén, que si esperto,
de súpeto,
esquecereiche e esquecerasme
para sempre, 
                        Compañeira.




***

Vexo tenrura na túa mirada
de ollos azuis,

                        Comprometida.

Aprecio un sopro de aire novo
nos teus beizos lenes,

                        Consentida.

Camiña, devagar, polos vieiros
impenetrables
do meu corpo,

                        Perdida.

Eres como un regueiro limpo
que sacia a miña sede,

                        Redimida.



***

Entre recendos a eucalipto
1          e herba mollada
camiña o vento

                        Silandeiro.

Revoan murchas polo chan
2          as follas de carballos e

                        Piñeiros.

Preto, extramuros,
3          escoitase o latexo
dun regato exiguo
onde medran, freixos e

                        Salgueiros.

O vento maino do Leste
4          abanea, cun laio inmortal,
as pólas das árbores,

                        Unlla e carne,

                        Mar e Ceo.



***
(interludio)


Unha chuvia cantareira zarrapica
os vidros da xanela;
as pingas de auga quedan
apegadas no cristal e,
no intre, escorregan
anárquicas, procurando
o seu descenso natural.

Experimento co bafo do meu nariz,
e vou nebulizando, a pares,
o vidro afumado
ata crear un mapa
de buratos simétricos e fuxidíos.

Fóra, unha mera perpetua
                               anega
os montes, o mar e as leiras.


***

(rosa de novembro)

Resistes a turrada
da primeira friaxe do Outono,

                        Impasible,

namentras as demais
amosan xa o seu esqueleto mortecino.

Non sei que farás
cando chegue, por fin, o inverno,
e te volvas definitivamente

                        Invisible;

non sei canto tempo
resistirás aínda,
rosa, roseira;
a miña rosa,

                        Invencible.



***


(poema descritivo)

Miradas esquivas
que se buscan sen querer,
insinuantes,
percorren o perímetro do vagón;

5          O barullo do tren golpeando
con cadencia os raís;
movemento sinuoso e compasado
lembrando, talvez, tempos pretéritos;

breves cabezadas somnolentas
10        alimentando o breve soño intermitente;

cheiros indescifrables
suspendidos na atmosfera
espertan instintos reprimidos
e escorrentan os praceres concupiscentes;

15        deixando atrás a paisaxe montañosa e suave,
as augas caudalosas e tranquilas,
adentrámonos na chaira ampla e mais estéril,
e na terra arroibada.

Vexo, ao lonxe, estacións envellecidas,
20        decadentes, con letreiros ferruxentos;
paredes zarrapicadas de grafitis;

imaxes fugaces sucédense tras a xanela,
sostendo a mirada perdida
no horizonte plano:

25        pernas entumecidas e doridas
polas horas mortas;

ir e vir polos corredores,
desafogando a preguiza entre vagón e vagón,

apeándome no andén solitario:
30        un café, aire fresco e renovado
nun lugar descoñecido.

De novo no vagón
as mesmas facianas, diferentes,
mergullándote na lectura,

35        no teu mundo,

intercambiando a mirada
cos outros, contigo mesmo,

co teu presente e o teu pasado,
co teu silencio.

As horas pasan vagarosas.
  





No hay comentarios: