O “PAPEL” DOS NOSOS XORNAIS
Pasou xa algún tempo dende que un teutón de toda a vida como
foi Johannes Gutenberg, aló polo século XV, déralle un pulo definitivo á
imprenta, invento comparado nos fitos da humanidade coa chegada da informática
e mais internet. Dende aquela o papel, incluído o dos nosos xornais, non se
discute: difusores da información e do coñecemento; compañeiro inseparable dos
nosos parroquianos cando lle botan unha ollada ás novas lutuosas e á previsión
do tempo e tamén, de esguello outros, á sección libidinosa de anuncios por
palabras ou tamén chamada “breves” onde, entre outras, algúns anunciantes mesmo
ofrecen ensinanzas completas doutras linguas coma o grego ou o francés.
Coma min,
ben sei que hai algún que outro romántico seareiro do papel dos nosos xornais.
Ademais, non ten efectos secundarios; todo son vantaxes: non consume enerxía
eléctrica, podes levalo debaixo do sobrazo, empaquetar o bocadillo, etc. E
aínda por riba, hai vida despois da súa lectura, quero dicir que tamén ten
outras “utilidades”; e para rematar: non lle facemos mal ao medio ambiente,
porque é biodegradable.
Por todo
isto, eu, dende esta curta sección de opinión –de papel-, deste xornal desexo
que a UNESCO proclame a candidatura do papel dos nosos xornais coma “ben
tanxible” da humanidade, e coma dixo un día o máis grande fabulador que tivo
Galicia, D. Alvaro Cunqueiro: Que dure mil primaveras máis!
No hay comentarios:
Publicar un comentario