O bo, o feo
e o malo
Sentado nun
banco da alameda da miña parroquia e parodiando o título do ‘spaghetti-western’
de Sergio Leone, non quixera despedirme deste funesto ano 2014 sen dedicarlle unhas
breves liñas aos protagonistas principais. En primeiro lugar temos ao malo ou
malos da película: aos bancos –tamén chamados entidades financieiras- que un
ano máis aplican teimudamente e sen compaixón desafiuzamentos, cláusulas e comisións
abusivas aos seus clientes; o máis ruín de todos é o denominado ‘banco malo’;
si, aquel invento de activos inmobiliarios propiciado e bendecido polo noso
Goberno que se dedica, entre outras cousas, a vender a ‘fondos buitres’ aquelas
vivendas que agora alugan en condicións leoninas aos seus antigos donos. Tamén
a todas aquelas persoas corruptas que despois de sentarse no banco dos acusados
entraron ou están a piques de entrar, por fin, no caldeiro.
O bo desta
película non é para un banco convencional senón para un máis humano, o ‘banco
de alimentos’ que fai o que o noso Goberno debería, dar comida precisamente aos
máis vulnerables e tamén un pouco de dignidade e comprensión nestes intres de
crise económica. Tamén quero subliñar a outro banco bo, ‘o de sangue’, que
insufla vida nas nosas veas cando máis a necesitamos, para que despois lla
doemos –vía impostos- aos bancos malos da película.
Síntoo,
pero o feo tócalle este ano a un que está sentado precisamente nun banco ou
bancada azul do noso Goberno. Cadaquén pode pensar o que queira. Eu teño a miña
propia opinión ao respecto.
Agardemos
que o vindeiro ano nos depare mellores oportunidades. Tras da néboa vén o sol.
Bo Nadal e Felices Festas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario