día y hora

domingo, 20 de noviembre de 2011

Percorrido pola praia de Beluso e porto de Bueu

De mañanciña e despois de preparar o almorzo, xa sabedes: zume de laranxa, café con leite e tostadiñas, imos facer un pequeno percorrido pola praia de Beluso e o Porto de Bueu. A mañán preséntase cunha temperatura morna, axeitada para este pequeno senderismo.; asemade a luz é perfecta pra disparar unhas cantas fotografías que den testemuña da nosa andaina. Coincide este día coa votación para as eleccións xerais do 20N, exercicio ó sufraxio que faremos cando voltemos a Vigo polo serán.
Para rematar iremos á Taberna da Viuda e Casa Quintela para dar boa conta dunha fecha de viño.

Comezaremos por unha visita á Praia de Beluso, parándonos no seu pequeno porto e contemplando unha panorámica da sua fermosa praia con algunhas casas que ainda conservan ese sabor mariñeiro de sempre.




A gamela, curmá da dorna.

Seguimos andando cara a Bueu e topámonos con unha pequena enseada:  A Robaleira,  que me trae moitas lembranzas de cando era neno.




A temperatura verdadeiramente é moi boa, non fai nadiña de frío. Xa divisamos Bueu alí ao fondo co seu  peirao  e a lonxa. Deseguido chegaremos a Bueu.
Damos unha volta polos seus fondeadoiros e cheiramos ese recendo que só percibimos ao carón do mar.


Como sempre acontece, non podo partir do porto de Bueu sen suliñar a importancia que lle dou a esta embarcación tradicional galega como é a nosa  Dorna. Estas son as miñas dornas:



Deixamos  o porto de Bueu con  este vídeo, porque xa é hora de mollar a gorxa tomando un grolo de viño:

 Despois de visitar a taberna da Viuda e Casa Quintela, dispoñémonos a xantar na nosa casa en Beluso. Observamos dende a terraza o ceo e semella que imos ter treboada. Contemplamos esta fermosa vista:



Saúdos dende Beluso.


1 comentario:

Anónimo dijo...

Parabéns polo teu blog, albíscase que pode ser moi interesante.
As túas verbas son moi poéticas.

¡¡Ánimo e adiante a toda vela na Dorna mariñeira!!

Poldi