día y hora

miércoles, 15 de agosto de 2012

FESTAS GASTRONÓMICAS- Relatos do verán; publicado no Faro de Vigo, 23-08-2012


FESTAS GASTRONÓMICAS

Non hai outro lugar no mundo coma a nosa Terra con máis festas gastronómicas por metro cadrado. Hainas durante todo o ano, pero no verán amosan todo o seu esplendor e variedade. En cada recuncho afastado das nosas vilas, parroquias e aldeas hai unha, dúas ou as que fagan falla, porque do que se trata é que, durante uns días, o teu pobo sexa o branco de todas as miradas e a envexa da vila lindeira. Quero salientar, con non pouca morriña debo dicir, que as enchentes gastronómicas de hoxe son distintas das que espontáneamente adoitaban facer os nosos devanceiros, xa sexa no monte ou na praia, ó abeiro das romarías máis senlleiras. Agora todo está medido e controlado polos concursos públicos que artellan os nosos concellos que, ao mesmo tempo  que dan a coñecer a propios e veraneantes a variedade e excelencia gastronómicas dos produtos da terra, tentan, deste xeito,  dar un pulo  económico á súa malparada economía.

 Toldos e chafarices ó xeito de “jaimas” árabes ateigan as nosas prazas; ringleiras ao chou de famélicos convidados coma se dun campamento da mili se tratase fórmanse diante da caseta dos tickets de venda; mesas forradas de papel rachado ao xeito de banquete de voda cheíñas de xente famenta máis pendente de botarlle o dente ao prato do veciño que do seu; pratos, vasos, culleres e garfos de trola; por non falar de todas aquelas ánimas que levan tuppers e bursas de plástico para enchelos das sobras de comida que queda ciscada pola mesa. Hai familias abonadas a todas as citas gastronómicas  da bisbarra: a da sardiña, a do mexillón, a do carneiro ó espeto, a da tortilla, a da empanada, a do polbo, a da cigala, etc; ata os nenos da teta comparten esta esmorga de larpeiros chuchando co chupete as faragullas de pan de millo e tamén nas charcas de viño que zarrapican o mantel. 

            Só hai que mirar as facianas pracenteiras dos comensales cando saen nas fotos que publican os periódicos ao día seguinte. Non importa nin a diabete ni o ácido úrico; eche o mesmo que che suba ese día o azucre ou o colesterol ata límites perigosos. Un día é un día!, din cos ollos birollos e as fazulas inchadas de pracer gustativo. Mañá haberá que acudir ao centro de saúde para amañar esta desfeita, retrucan sorrindo. Entón estaremos durante os seguintes días a pan seco, tomando infusións de macela ou herba luisa, e ateigados de comprimidos que nos receita, coa conseguinte rifa, o noso médico,  ata a vindeira festa gastronómica.

No hay comentarios: