día y hora

domingo, 18 de noviembre de 2012

DEFUNTOS ALCUMES, publicado en el Faro de Vigo, 12-12-12


DEFUNTOS ALCUMES

Nós, os galegos, “honramos” en vida aos nosos paisanos poñendo algún alcume agarimoso, uns máis acertados ca outros, todo hai que dicilo; pero tamén o facemos cando a persoa atravesa sen remedio a fronteira dos vivos.

            Só hai que mirar as esquelas que adoitan poñer os nosos xornais nas súas derradeiras páxinas  para observar esta saudable costume de alcumar aos nosos benqueridos defuntos. Alguns destes alcumes teñen relación co traballo que fixeran en vida o defunto, a saber: “o cesteiro, o afiador, a peixeira”; outros amosan o afecto que lle profesaban os seus: “a raíña, a parrochiña”; e finalmene temos uns que é todo un misterio diviño: “o milhomiños ou o mirafondos”, entre outros moitos.

Cando comezei a traballar como xerente nunha asociación de empresarios, o seu presidente dicíame daquela: ”Milucho, o primeiro que tes que facer pola mañá cedo é mercar o xornal, e deseguido botar unha olllada ás esquelas, por se algún asociado marchara sen avisar ó outro barrio”.

            Abofé que dende aquela, mirar as esquelas é o segundo que fago- o primeiro é ler con atención a sección de opinión “cartas ao director”-, unha teima coma outra calqueira.

            Sei que moitos lectores tamén o fan –refírome a mirar as esquelas, naturalmente-, porque ademais do propio finado, tamén podemos decatarnos se este era solteiro, estaba viuvo, o nome dos fillos, netos, curmáns e demais familia.

            Pero onde cravamos a mirada nas esquelas, no intre, é no alcume porque, se había algunha pequena dúbida co nome do finado, deseguida caemos da burra dicindo aquelo de: Mira ti de quen ven sendo o fulano!

            Estes alcumes, principalmente nas nosas vilas, herdábanse de avós a pais, para despois pasaren aos fillos, de xeración en xeración, ás veces para alguns coma se fose unha pesada lousa cando o alcume é revirado de mais.

            Finalmente, cando algunha persoa morre lonxe do seu lugar de nacemento e entérrano, fanlle o funeral ou celebran o cabodano no seu pobo, o alcume, que figura debaixo do nome do finado nas esquelas dos nosos periódicos atrae, cando menos, a curiosidade dos parroquianos congregados na igrexa ou fóra, no adro, dándolle deste xeito o derradeiro e sentido homenaxe ao defunto.

            Esta cristiá costume de alcuñar nas esquelas trasládase despois aos cemiterios poñéndoos nos nichos, perpetuando para sempre os “defuntos alcumes” nos nosos camposantos.

No hay comentarios: