día y hora

miércoles, 27 de febrero de 2013

O DESTETE DO Sr. BÁRCENAS, publicado no Faro de Vigo, 4-03-13


O DESTETE DO Sr. BÁRCENAS

Este home tan ben peiteadiño e pinta de non romper un prato na súa vida é un claro exemplo de destete tardío. Se facemos caso ó que di o dicionario, esta palabriña pódese empregar tamén para indicar o afastamento que, aos poucos, fan os pais cos seus fillos para que aprendan a desenrolarse por si mesmos, saian das súas tobeiras dun raio dunha vez e non andaren pendurados todo o día do teto.

            O Sr. Bárcenas chupou do teto do seu partido –o Popular- dende hai máis de vinte anos, e nese tempo doulle por amorear, asemade, unha chea de cartos en Suiza froito, seica, da súa pericia nos negocios. Qué pillabán! Non conforme, pretendía seguir chupando toda a súa vida do teto, que é tamén do noso porque non esquezamos que os partidos políticos dependen económicamente, na súa meirande parte, dos cartos que vostede, eu e ata o máis trouleiro pagamos cos nosos impostos. Para este xeito vicioso e compulsivo de chupar temos tamén no dicionario unha palabra tan contundente coma malsoante.

            A cousa chegou a feder tan mal que non houbo mais remedio que forzar a este persoeiro tan inpecablemente vestido ao destete definitivo. Pero coma acontece cos nenos da teta  e tamén alguns maiores, coma o Sr.Bárcenas, pillou unha rabecha de moito nabo e armouna ben gorda, ata o punto de demandar aos seus por “destete improcedente”. A cousa aínda non vai rematar aquí. Isto vai ser mellor que ver, despois da soneca, unha telenovela por capítulos.

No hay comentarios: