día y hora

domingo, 5 de enero de 2014

Bos propósitos 2014; publicado no Faro de Vigo, 10 de Xaneiro de 2014

Bos propósitos  2014

Principiamos un novo ano, coma sempre, con bos propósitos, e rematamos, deseguido, cometendo os mesmos excesos ou defectos –segundo se mire-. Somos porfiados e inconstantes por natureza. E o peor de todo é que tentamos contaxiar os nosos efímeros desexos aos demais: A partires do sete de Xaneiro imos ir ao ximnasio tódolos días, e xa verás coma teremos mesmo unha cintura de avespa! O noso amigo aínda continúa facendo pesas e nós tomando uns grolos de cervexa na taberna, enchendo o bandullo.
            Tamén os nosos sobranceiros políticos teñen, ó principio de cada ano, bos propósitos e tentan convencernos facéndonos partícipes das súas falacias: Seremos máis transparentes e non meteremos a man nos caudais públicos! Logo virá a amnesia colectiva.
            Cada comezo de ano acontece igual. É unha teima coma outra calquera.
            No eido da economía e das finanzas tamén temos algún exemplo. Acordádevos do que dixo hai pouco o novo dono das defenestradas Caixas de aforros galegas: “En noventa días daremos solución aos nosos benqueridos preferentistas e subordinados”.
            Non temos remedio e os bos propósitos esváense axiña, sen remedio, coma a brétema no verán.
             Feliz e bos propósitos 2014!


No hay comentarios: