día y hora

domingo, 26 de enero de 2014

"O Bardo da illa de Aunios" (conto)

O BARDO DA ILLA DE AUNIOS

EMILIO RODRÍGUEZ MIRANDA




           
           
           


Debemos ler este pequeno conto  amodiño, sen présa, a poder ser ao carón do mar, dándoche a airexa na cara,  escoitando algunha fermosa canción celta.






LIMIAR

Non esperedes atopar guerreiros con armaduras. Non hai pequenas nin grandes loitas; non existen castelos fachendosos nin feiticeiros pérfidos, nin animais mitolóxicos coma serpes de cinco cabezas ou polbos de vinte tentáculos que votan lume pola súa boca.
 Esta é, simplemente,  a pequena historia de tres compañeiros de instituto, e tamén a dun vello Bardo irlandés nunha illa enfeitizante e marabillosa coma outras tantas, afastada no medio do océano Atlantis naquel mundo dificultoso da nosa historia.




1ª PARTE

I. Na aldea de Galwing

            Todo comezou na costa oeste de Ériu  chamada Galwing, na aldea do mesmo nome e nunha pequena tribo celta de non máis de duascentas persoas que vivían  da pesca, da caza e o cultivo dos froitos que lle ofrecía as súas  leiras e fragas, e de cando en vez andaban en liortas cos seus veciños.
            O rei deste clan chamábanlle Meigang, era feo coma un corno e tiña unhas greñas que lle chegaban ata os pés, porque non se lavara na súa vida agás cando a súa nai mergullouno cando nacera, a modo de bautizo, no frade que era un regato pequeno que atravesaba o poboado. Despois do rei mandaba a nobreza representada polos guerreiros da tribo, a continuación os Druidas sen mais, e despois estaban os Bardos.
Os Druidas eran a caste sacerdotal superior, os que se encargaban da relixión e dos sacrificios públicos e privados nas ofrendas que adoitaban facer ao deus Lung nun claro da fraga chamada Nemeton, e tamén eran revirados de mais. Non se lles podía levar a contraria.

 Os  Bardos, pola contra, adicábanse a laboura de estudar a astronomía, a filosofía, o dereito, a literatura e a mitoloxía e a ensinar aos máis pequenos na arte da oratoria: eran os Mestres da aldea ademais de poetas e músicos. Coma tiñan una morea de traballo enriba e non daban feito dividíronse en: os fileas, que eran os poetas; os Breehons que viñan sendo os xuízes e os Seanachas que eran coma os fedatarios públicos, para entendernos, eran os notarios de hoxe... (continúa)...

No hay comentarios: