día y hora

jueves, 20 de diciembre de 2012

O PAPAVENTOS DE PEPIÑO

 
O seu pai, que faenaba no Gran Sol irlandés, tróuxolle na derradeira marea un papaventos ben vistoso. Dende aquela, andaba todo o día con aquel aparello voador; iba á praia da Banda do Río, preto da súa casa, cando había vento forte do sur, e deixaba voar ceibe a súa imaxinación  no ceo infindo procurando achegarse o máis que podía ás nubes. Chegou a ser todo un experto, un artista facendo viravoltas imposibles, tensando, recollendo e liberando aquela piola que era coma o prolongamento natural do seu brazo.
            Un día pensou: “se poño máis cordel, poderá mesmo acadar a lúa e o sol”´, e así o fixo. Pero unha vez, cunha nortada de medo, rachou a corda e soltouse; levouno o forte vento moi lonxe; logo, o mar alporizado tragouno para sempre ata esvaerse nas frías augas.
Mamasiña, mamasiña, "esparapapillouseme" o papaventos!, díxolle á súa nai cando chegou á casa chorando a moco tendido e aflixido.
Coitado, querrás dicir que escarallouseche o teu papaventos, contestoulle a súa nai (sabemos que cando nenos, falamos un pouco raro, confundindo ás veces as vogais e consoantes). Pero ao ver o desacougo tan grande do seu fillo enmendou a tempo preguntándolle con interese: E cómo foi entón que esparapapillouseche o papaventos?; e deseguida faloulle agarimosa deste xeito:
“Ás veces non precisamos acadar as nubes, nin o sol nin a lúa para seren máis felices; a felicidade está máis perto de nós do que pensamos, amarrada a unha curta piola de distancia dun fermoso papaventos”.

No hay comentarios: