día y hora

jueves, 15 de marzo de 2012

A ESQUERDA DIVIDIDA-Publicado en La Voz de Galicia, 17-03-2012-, y en Faro de Vigo, 21-03-2012

dornas no peirao de Bueu


Si mirar aos distintos partidos da esquerda divididos é xa unha cousa ben triste, observar a fenda e mesmo a escisión dentro dun propio partido de esquerdas e nacionalista ten tintas de traxedia grega. Este é o caso do Bloque Nacionalista Galego, BNG. As  tensións e rifas das distintas correntes e bandos dentro do partido nacionalista, e mesmo as diferenzas persoais dos seus líderes non poderían  deparar nada bo. Irmandiños, Máis Galiza e o propio BNG co seu partido maioritario, a UPG, loitarán a partires de agora divididos. Uns para non minguar demasiado so pena de ficar reducido a unha representación minoritaria, máis se cabe, no Parlamento galego; e os outros por principiar, xuntos ou por separado, unha nova andaina no eido da política galega. E namentres, o espazo baleiro será ocupado deseguido por outras formacións políticas alén das nosas fronteiras.

            Botarlle a culpa uns aos outros non leva a ningures, mais que a dividir aos propios militantes e tamén aos simpatizantes e votantes que non terán outra que achegarse ao voto útil, ou peor aínda, deitarse no leito da indiferenza da  abstención. A responsabilidade de esta desfeita a teñen todas aquelas persoas que non foron quen de achegar posición común algunha e atopar un vieiro de entendemento. En definitiva, o que fixeron uns e outros foi apagar as ilusións de moitos de ver un partido nacionalista forte na nosa Terra algún día. ¿Qué foi de aquel BNG xurdido  no ano 1982 despois de non poucas cambadelas, e que acadou o seu clímax político nas eleccións autonómicas de 1997, sendo daquela a segunda forza política no noso País?

            Quizais sexa o destino natural da esquerda en Galicia, e mesmo da esquerda en xeral: O minifundismo político autárquico  levado ata o seu lindeiro máis extremo, fagocitándose uns aos outros. A teimosía de uns por non ceibar  a poltrona do poder dentro do partido, aburguesando as súas estruturas dun xeito  “contra natura”; e outros virando perigosamente a babor, cara a un mar descoñecido, fixo que “a estrela de cinco puntas” quede ferida de morte no universo político do noso País, e xamais  alumeará coma noutrora.

No hay comentarios: