día y hora

jueves, 6 de septiembre de 2012

SENTIRSE FORASTEIRO- relatos do verán-publicado no Faro de Vigo, 13-09-2012

Este vai ser o derradeiro e definitivo relato do verán.


SENTIRSE FORASTEIRO

Co senlleiro e mecoso apelativo de “jodechinchos” coñécíase na Península do Morrazo aos veraneantes que adoitaban visitar as nosas vilas e parroquias mariñeiras durante o verán, principalmente aos madrileños. Despois, e sen vir á conto, estendeuse este alcume aos nosos veciños da cidade olivíca e mesmo da capital da provincia que, enfeitizados pola paisaxe, colonizaron aos poucos (con millor ou peor gusto arquitectónico e respecto á contorna, debo dicir) as nosas praias e montes.

            Non sabemos con certeza a orixe desta palabra de marras que, lonxe de ser despectiva-ou iso cría eu-, foi utilizada para nomear, por exemplo, a todos aqueles forasteiros que ían a praza a mercar chinchos e logo na casa non sabían sacar as magas, e claro, estragaban o peixe que mesmo brincaba vivo na patela da peixaría. Outros eruditos na materia dicían que non, que a orixe xenealóxica desta palabra viña sendo que os nosos benqueridos veraneantes da meseta, coma eran un pouco vaidosos e tiñan costumes distintas das nosas, ateigaban as lonxas, prazas e supermercados, rachando as quendas disciplinadas e a convivencia dos nosos paisanos (daquela, os chinchos eran os naturais da vila, claro). Agora non, as nosas vilas mariñeiras convírtense durante o verán en cosmopolitas, e mesmo podes atopar a un madrileño de Carabanchel que a un arxentino da Patagonia.

            Pero, dende que o outro día un veciño chamoume no meu fociño, sen mais, “jodechincho”, a min, que son natural dunha vila do Morrazo aínda que resido fóra, e o seareiro máis fiel da miña bisbarra, doume por pensar que este alcume, agarimoso pero ao mesmo tempo retranqueiro, segundo quen o diga, serve tamén para definir aos que se sinten apátridas, “metecos” coma adoitaban chamarlles na antiga Grecia aos estranxeiros que non gozaban dos mesmos dereitos dos nados en Atenas. Entón, comprendin moitas cousas, e sentín un desacougo tan grande que comezei a cantaruxar polo baixo a letra da canción “le métèque” que popularizou o cantautor de tanta sona á finais dos anos 60, Georges Moustaqui, que naceu en Exipto pero de pais gregos, aínda que viviu en Paris. Cousas da vida.

No hay comentarios: