día y hora

viernes, 10 de mayo de 2013

Coma Zombis, publicado no Faro de Vigo, do día 3 de Xuño de 2013


COMA ZOMBIS

Hai persoas que sempre van pola vida aparvadas, coma zombis, arrastradas por un fío invisible, obedecendo as ordes de non se sabe quen. Onte topeime cun destes zombis. Aconteceu na beirarrúa. Eu iba pola miña rodeira (porque tamén nas beirarrúas existe esta norma de conduta e circulación) cando vexo a un destes zombis co seu teléfono móbil, premendo compulsivamente cos seus dedos cachapiollos a pantalla táctil e, aínda por riba, levaba nas orellas, non un pinganillo, senon uns auriculares coma un mundo que mesmo semellaba que tiña un casco de albanel na cabeza.

Este zombi iba batendo, no seu percorrido, con cadeiras, mesas, árbores, señais de tráfico, con homes e mulleres. Non se inmutaba nin viraba de rumbo, non, él ao seu, dándolle á pantalla cos seus dedos gordos das mans, unha e outra vez, a unha velocidade de vértixe. Eu fixeime nel e, daquela, dixen, de boca para fóra, musitando: voulle dar unha lección, non me vou mover da miña carrileira, a ver qué carallo pasa! Pasou o que tiña que pasar: Tropezamos!

-Qué Meu, seica andas aos biosbardos, non sí?, díxenlle.

El i eu, fronte a fronte, coma dous pistoleiros dunha película do oeste; eu increpándolle, i él, o zombi, sin inmutarse, non me contestou, nin me mirou tan sequera, só emitíu, enfurruñado, un griñido indescifrable.

Sacou os seus auriculares, rañou a orella esquerda e seguíu a camiñar ata esvaerse entre a xente.

Eu, daquela, pensei que, ademais de pantasmas e a Santa Compaña, tamén hai zombis neste noso mundo. Cousas que pasan!


No hay comentarios: