día y hora

lunes, 6 de mayo de 2013

O "fade out" do Goberno


O fade out do Goberno

Non saíu nada ben o fade out que o noso grupo folk tentou facer na derradeira actuación. Abofé que facelo, coma quen di en penuzo, sen tecnoloxía punta, artesanalmente, resultou desconcertante, tanto para nós coma para o público porque, namentras a percusión, acordeón e guitarra iban por un camiño, as gaitas iban por outro, cadaquén por un diferente. O malo é que, coma somos moi afoutos, dixemos antes de comezar: qué carallo, malo será! Pois non foi nen de coña, porque ao final da canción, cando fixemos o fade out de marras, a xente non sabía se aplaudir ao compás do ritmo ou calar. Deixamos ao noso benquerido público atordado, seica. Despois do concerto, e tamén dunha sosegada reflexión democrática, pensamos que mellor será, para a próxima actuación, que rematemos a devandita peza musical como Deus manda, sen facer experimentos.

         O noso Goberno está facendo nestes intres un fade out de moito nabo á cidadanía e, deste xeito, procura, con argalladas e estatísticas reviradas que non saibamos cándo vai rematar esta teimuda crise económica que tennos a todos nós cos nervios alporizados, desconcertándonos cando di nas súas comparecencias públicas que ata o ano 2015, polo menos, non coñeceremos o que é baixar da burra do 26% do paro que, casualidade da vida, coincide xustiño coa convocatoria das próximas eleccións xerais. Tamén está conseguindo o noso Goberno que todos, ademais de estar pendentes tódolos días da prima de riesgo e do déficit público, saibamos ler e ata descifrar a letra pequerrecha das disposicións en materia económica que ceiban, coma dardos envelenados, no BOE, por se atopamos algún ca outro fade out acochado entre as disposicións adicionais e transitorias que, coma as meigas, habelas hainas. Despois non nos queixemos das consecuencias.

         Daquela, a canción que imos cantar todos, no canto de ser unha muiñeira vai ser Negra sombra, sen fade out, por suposto.

No hay comentarios: