día y hora

jueves, 1 de marzo de 2012

LOA AO TRABALLADOR(A) AUTÓNOMO (Publicado no Diario de Pontevedra, 11-03-2012)

dorna, no peirao de Bueu

LOA  AO TRABALLADOR(A) AUTÓNOMO
Non dou feito  con tanto artigo ; mesmo teño traballos por encarga. Oes, igualiño cando vas ao xastre e faiche un traxe á medida. Alguén moi  achegado a min, por suposto traballador autónomo (en este caso traballadora), díxome: ”Milucho, ti que tes moita maña no mundo do artigo periodístico, e ata chegáronte a publicar algún, por qué non dedicas un pouco do teu tempo a falar dos traballadores autónomos”. Eu lle dixen: Feito. E aquí me tedes, artellando unhas palabras adicadas aos meus benqueridos amigos traballadores autónomos.
      Ao falar dos traballadores autónomos lémbrome de Lucio Anneo Séneca, filósofo, político, e orador romano nacido seica din algúns en Córdoba(4 a.C-65). Despois explicarei o motivo.
      Segundo as derradeiras estadísticas, pecharon en toda España máis de 100.000 autónomos, que se di pronto. Son unha parte moi importante do noso tecido produtivo e mesmo dan choio a unha morea de xente neste país.

      Pero máis que a o empresario autónomo, eu quero adicarlle estas merecidas palabras aos traballadores Autónomos con maiúsculas.  Eses homes e tamén mulleres solitarios que asumen o risco da súa tarefa con estoicismo (coma Séneca), recollendo os froitos amargos do seu traballo e apandando no seu lombo co sufrimento da incomprensión dos organismos e administracións públicas , colexios profesionais, das entidades financieiras e tamén moitas veces as ingratitudes da súa propia e cada vez máis minguada i esixente clientela. Da o mesmo que sexa un fontaneiro, electricista que un avogado, un carpinteiro de ribeira ou mesmo un graduado social. Na soedade do seu despacho, comercio ou lugar de traballo, miran  pasar as estacións do tempo, que é coma mirar pasar a súa propia vida, agardando se cadra unha quimera (outros chámanlle cenoria) , que é mais difícil de atopar que acertar os números da primitiva. Para eles o espazo e o tempo  non existe, e todo é relativo. Tódolos días da semana, do mes e de todo o ano, porque simplemente o tempo esvaese coma a brétema entre papeis, formularios, artigos, parafusos, etc, e o tempo de lecer débese conciliar co sono intermitente dos seus problemas. E a pesares das ingratitudes que reciben a miúdo no seu traballo, adoitan ter esa faciana impasible, estoica coma xa dixen antes, como homes e mulleres librados en mil batallas e que mesmo semellan  ao actor Humphrey Bogart no papel da película Casablanca. Amarrados ao pau da vela relinga do  seu bote polbeiro  e collendo ao mesmo tempo o timón, soportan (con estoicismo) os rigores do mar ferido, procurando levar dereitiño o barco e achicando de cando en vez a auga salgada que irremediablemente entra polas fendas da embarcación. 
      Por iso, eu propoño que, mediante subscrición popular,  se encargue a un canteiro (por suposto traballador Autónomo tamén) que faga un monumento ben parecido e se poña no lugar que corresponda: No centro xeográfico das nosas vilas, parroquias e aldeas.
 A piques de rematar este artigo, feito por encarga , agora sí que vos podo dicir por qué lembreime de Séneca ao principio. Porque, seica foi él ou colgáronlle o San Bieito do seguinte pensamento filosófico e que ven sendo en definitiva o xeito de vida dun traballador Autónomo con maiúsculas:
Abro cando veño, pecho cando voume, e se non nos miramos e porque non fumos quen de cadrar.
       E tamén lembrade o que dixo (en latín por suposto): "O home máis poderoso é aquel que é dono De seu".

Ao meus amigos traballadores(as) Autónomos, con afecto.

No hay comentarios: