día y hora

domingo, 5 de agosto de 2012

AS CABICHAS ESPICHADAS-relatos do verán-publicado en el Faro de Vigo, 13-08-2012-


AS CABICHAS ESPICHADAS 

Cada verán observamos nalgúns picotos de area, coma se de illas soberanas se tratase, as cabichas espichadas. Non é que estean ao chou espalladas, que tamén, senón ao redor dos parasoles e toallas constituíndo un verdadeiro andazo porcalleiro que zarrapican cada ano a nosa areeira e que son o sinal evidente de que nese preciso lugar houbo un asentamento nómada de certas ánimas con non moi boa educación.

            As cabichas poden ser longas ou curtas dependendo do índice de confianza dos cidadáns na nosa economía, e coma esta non está últimamente para darmos moitas ledicias, as cabichas están tan esgotadas que case non se aprecia o seu xeito arredondado,  semellando  lambiscadas; por iso ás veces miramos cómo as gaivotas peteiran nelas imaxinando atopar nos refugallos da nicotina algún cheiro coñecido.

Só temos que observar unha destas cabichas, e sen necesidade dun análise en profundidade coma o do ADN, por exemplo, para termos unha idea aproximada do estado de ánimo do seu dono. Se, poño por caso, a cabicha é curta e aínda por riba está esmagada de máis por mor de premer os beizos ata deixala coma unha palleta, pois podemos concluír que a posuidor daquela sospeita que a súa empresa vaille incluír nun ERE de extinción, apurando ata os derradeiros intres a súa bonanza económica, e por conseguinte o fume do seu pito.

            Antes de ser o que son agora –simples cabichas-, foron no seu día unha unidade incombustible de pracer e ilusión que axiña esmorecíase dende que prendía a muxica do mixto ou o chisqueiro no corpo do cigarro. O mesmo acontece coa nosa economía, que agoniza a cada paso cando nos poñen á liña os nosos socios Europeos, e por este motivo as nosas cabichas están tan apuradas coma as Contas Públicas ou as nosas cartillas de aforros.

            Todo este lerio ven a conto para dicirvos o seguinte: Fagan o favor de non deixar as cabichas nas nosas praias!; e leven cadaquén as súas miserias para casa, deixando a nosa areeira tan limpa e inmaculada coma verdadeiramente se merece. Ata máis ver.


No hay comentarios: