día y hora

lunes, 6 de agosto de 2012

BARULLO NA AREA- relatos do verán-Publicado en el El Correo Gallego, 8-08-2012-


BARULLO NA AREA 

Coido que existe un grupo de seareiros do noso Celtiña que se chama “barullo no área” ou algo semellante, pero este artigo trata doutra cousa ben diferente…..ou se cadra non tanto.

            Nas nosas praias batémonos de cando en vez con certas tribos de persoas que no canto de falar entre elas como adoitan facelo nas súas casas, ou mesmo na consulta do médico, levan o altofalante enriba, poñen o volumen a todo meter e cóntannos a súa vida envorcando as propias miserias, e mesmo poñen a feder a todo aquel que se mova un chisco na súa toalla, sen ter en conta que a menos de metro e medio pode haber outra xentiña que o que quere simplemente é poder gozar do seu tempo de lecer en paz, en harmonía e equilibrio coa contorna; dándoche a airexa na cara e escoitando coma as ondas baten manseliñas na beira do mar; e non estoutro: Manolito, no molestes aos señores e ven a tomar a merenda, non cho digo dúas veces!, dito con un ton de voz de contralto para riba.

            Certamente Manolito, os seus curmáns e amigos semella que non teñen nin pais nin nais coñecidos, e andan ceibes pola areeira coma se de satélites sen planeta se tratase, xogando á pelotiña de marras, e de paso tocando as pelotas aos indefensos e pacíficos veciños e veraneantes.

            Eu, de ser concelleiro da areeira na miña Vila, poría un chip intelixente nos bañadores dos nenos e nenas e conectado co oído medio e interno dos seus pais, para que deste xeito cada vez que Manolito ou Marisiña, poño por caso, anden amolando aos sofridores e pacíficos veraneantes, zósquenlles un ouveo enxordecedor que faga vibrar na octava máis alta da nota Sol maior, o yunque, o estribo e mais a trompa de Eustaquio.

No hay comentarios: