día y hora

martes, 27 de marzo de 2012

O CICLO DOS SEIS SENTIDIÑOS-O TACTO OU TINO, E O GUSTO OU SABOR-

(Perdoen vostedes, seica perdín o sentido e o tino; topei en falta estos dous sentidiños nosos)

O CICLO DOS SEIS SENTIDIÑOS-O TACTO OU TINO, E O GUSTO OU SABOR-

“MOI GUSTOSO”

Estes dous sentidiños nosos ímolos tratar asemade. Son quizais os máis enigmáticos porque a través deles podemos sentir dende o mundo telúrico ata o firmamento enteiro, ao mesmo tempo,  deitándonos definitivamente nos praceres sensuales e concupiscentes máis prohibidos. Ademais, podemos botar man do pensamento filosófico de Platón, que xa o dixo daquela ben clariño:”Todo o que podemos sentir e tocar pódese comparar con unha pompa de xabón e nada, nadiña, do que existe no mundo dos sentidiños permanece”. E con estas palabras ficou coma un neno pequeno. ¡Qué home tan sabio, arre demo!
            Tamén lémbrome das sabias palabras do meu amigo Carballo, “o home das mil e unha sensacións”, que cando eu estaba na procura dun piso díxome: Ti entras; pécha-los ollos; tapas as orellas e o nariz, e tocas a columna maestra do edificio, e xa mirarás, perdón, xa sentirás as sensacións, e tamén daras coa solución a túa  inquedanza.¡ Oes, qué razón tiña!. Sen ver, sen cheirar e sen escoitar nadiña, mais que as miñas propias sensacións, puiden resolver o conflito e dar por rematada a miña teima, e calmar o meu desazón.
            Utilizaremos, coma sempre, o noso dicionario máis universal, o Xerais da Lingua, ademáis do diccionario Galego-Castelán de X.L.Franco Grande.
            Cando falamos do sentido do gusto ou sabor, por exemplo, lémbrome do viño, variedade de uva TINTOFEMIA, envellecido nas barricas de carballo(quercus robur),  das fragas do Morrazo , e que ten o seu berce natural nas ladeiras mornas da parroquia de Cela, en Bueu. Este viño, ben botado aos poucos, manseliñamente nun carolino extrafino-este vaso especial é tan importante coma o propio líquido elemento-, ten un buqué que nada ten que envexar aos mellores caldos dos incluidos na guía Parker. Déixate o ceo da boca tan a gustiño , con ese acedo lene ao final, e mesmo pode maridar perfectamente con un bruño da ría que con unha carne ao caldeiro; porque este viño ten un celme democrático e universal. Agora si, temos que ir a gustiño con él, coma con calquer viño ou espirituoso que se precie, porque se non andamos con tino, podemos mesmamente perdelo, e ata acabar cantando o “my way”, de Frank Sinatra, nos soutelos e fragas do Morrazo.
            Alguen mal pensado que pase por ahí e non te coñeza de nada, pode facer o cego primeiro e chamarmos á policía municipal despois, e mesmo poñerche a cair dun burro na ágora do teu Concello, para xúbilo dos teus veciños. Así que, eu de vos, andaría a gustiño polos camiños e vereas das nosas vilas, e facer coma  un tal Epicuro,  que dixo que a meta da súa vida era conquerir o maior pracer sensual posible,  dicindo aquelo de: ”Vive o momento”, non de boca para fóra, se non ben alto e forte; e tamén aquelo de:”Carga que con gusto se leva, pouco pesa”.

No hay comentarios: