día y hora

miércoles, 4 de julio de 2012

O bardo da illa de Aunios-1ª Parte-II.-A illa de Aunios


II. A illa de Aunios



Compre aquí facer unha descrición polo miúdo desta illa ben fermosa.

 Na zona occidental atopamos unha fermosa praia de branca area (Lagoelas), onde embarrou a gamela do bardo; e os regatos que baixan das ladeiras da fraga atravesábana dibuxando figuras sinuosas coma serpes  ata fundirse co mar azul, levando no seu canle os pequenos pelouros arredondeados rabuñados das rochas. Tamén hai penedos e pequenas rochas perto da beira do mar onde aniñaban os cormoráns. Estes animais metade peixes e metade mamíferos mergullábanse de cando en vez nas augas frías  i eran capaces de permanecer máis de vinte minutos  na procura dos peixes máis saborosos.


            No extremo norte hai un pequeno illote xebrado da illa principal polo paso do tempo, é o illote do Sentulo. Aquí bate o mar con forza pero pola contra é onde se atopan apegados un dos mariscos máis prezados polos habitantes de Aunios: o percebe.

 Ao sur hai outra illa maís pequena ca principal que se chama illa de Ansag, que despois, a través dos trocos e a deformación revirada das consoantes e vogales do idioma mudou  por Onsag, unha teima coma outra calqueira da linguaxe dos homes. Esta illa pequena está pelada de árbores e só hai matogueiras formada principalmente por queiroas ou carrascas e toxos mariñeiros e tamén trovisco. No medio das matogueiras é onde aniñan os paxaros coma as papuxas cabecinegra, a escribenta paponegra, o liñaceiro e o chasco comúns.


            Na parte máis occidental dende o cumio atá a praia de Lagoelas espállase ceibe a fraga de Bargon onde viven os Brións, cheiña de carballeiras, castiñeiros e piñeiros. A súa árbore máis senlleira era o carballo, e algún deles podía medir máis de 40 metros de altura. Xa sabemos  que o carballo é a árbore máxica para os celtas, tamén para os habitantes de esta fermosa illa. As árbores viñan sendo unha representación simbólica na que as raíces e as pólas representaban a apega na terra e mais a comunicación co outro mundo. Destacaba sobre todo un que ten o nome de carballo da Golvada que mide máis de sesenta metros de altura e ten  unha chea de pólas reviradas que abranguen boa parte do poboado.   Coas suas cortizas e landras os Brións-que así é como se chaman os habitantes da illa-fan  unha pócima que ten propiedade antiinflamatoria. Úsana para sandar as feridas que de cando en vez producíanse ao mancarse chimpando polos penedos perto da praia na procura de  polbos e nécoras que pescaban por medio de un pau fino de loureiro.


            A aldea de Bargon estaba disposta en xeito semicircular con  castros redondos de metro e medio de altura con unha soa porta, feitos con pedras de granito esnaquizadas pola erosión, e tellado cóncavo de pólas de ameneiros forrado con fentos. Estaban divididos uns dos outros  por pequenos milladoiros. No medio da aldea tiñan o graneiro onde amoreaban o millo, as mazáns e as castañas. Estaba a dous metros de altura,  enriba de catro pés de pedra de granito con unha construcción moi simple  de chan e paredes de carballo e tellado de paus de piñeiro entrelazados e forrados de coiro curtido de pel de balea. Coma acontece cos nosos hórreos, este graneiro estaba afastado do chan para evitar aos ratos, raposos, e tamén fóra de miradas furtivas dos máis larpeiros da aldea.

           
A auga doce collíana de dous regatos que teñen o seu berce no cumio da illa, na lagoa de lametremias e que atravesaban a carballeira de Bargon: o rego Beloso e o Lago mansiño, este máis fondo e ancho onde os Brións lavaban aos nenos, a roupa e limpaban os cazos da comida.

            Xunto ao graneiro tiñan o gando: ovellas, cabuxas, porcos e galiñas que andaban ceibes polo día no medio da aldea e había que ser un artista  en non pisar as cagallas e os zurrullos que zarrapicaban os animais por todas partes. Ao serán e antes de iren para o catre había un encargado de facer a limpeza necesaria, varrendo o chan con unha vasoira feita de follas de loureiro e pau de cana de millo; tamén á mesma hora había que poñer aos animais dentro do curro, un recinto cadrado perto do graneiro  feito con pólas grosas de castiñeiro. As galiñas á parte, porque sempre foron moi súas.  Precisamente o día que cheguei á illa tocoulle esta ingrata tarefa ao meu pequeno Brión.           

No medio da illa, no seu cumio máis alto hai unha lagoa que lle chaman a lagoa de lametremias  onde continuamente brota auga doce dos manantiales soterrados e que baixa en regatos pequenos  polas ladeiras. No mundo celta as augas constitúen un elemento fundamental, facilitando o camiño ao Alén. Á beira destes pequenos ríos medran  os ameneiros, salgueiros e freixos.  De cando en vez os regatos forman pequenas  fervenzas que son aproveitadas e dirixidas en canudos chegando con forza ao muiño da Cova o único nesta illa  onde os Brións  moen o millo corvo, un dos seus alimentos preferidos que medra nas leiras perto da fraga. As veces estes regatos forman pequenas pozas onde van a limpar o seu plumaxe e a  mollar o peteiro os paxaros máis fermosos: os paparrubios, as bubelas, lavercas, melros e as pegas rabonas.


Por último hai que dicir tamén que polos montes e fragas da illa andan ceibes algúns équidos ou cabalos de cabeza pequena e orellas curtas, clasificados tradicionalmente dentro do grupo do cabalo doméstico ou tarpán, e achéganse a beber aos regatos que baixan da lagoa de Lametremias.


            Na zona oriental están os cantís, non tan empinados como os da aldea de Galwing, na costa oeste irlandesa. Cando hai marusía, as ondas baten con forza e socavan as rochas penetrando ata as mesmas entrañas da illa formando covas. Unha das máis fermosas é a cova da Anduriña onde un pódese achegar con moito coidado cando hai mareas vivas e lúa chea. Nos seus  saintes é onde  pousan os  niños as gaivotas e pardelas.

No hay comentarios: