día y hora

lunes, 2 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios-LIMIAR-

Vouvos contar unha historia.
      Aconteceu hai moito tempo, perto de 1500 anos, nunha illa afastada do océano atlantis que se chamaba Aunios. En dazasete capítulos, divididos en dúas partes seredes quen de sentir e apreciar este fermoso relato que, en definitiva, é a historia dunha amizade con maiúsculas. Espero que vos guste.




LIMIAR

A dicir verdade estamos a falar de dúas historias. A dunha amizade, inxenua se cadra, pero límpida entre tres amigos e compañeiros de instituto enfeitizados por unha illa marabillosa, por unha banda, e por outra a dun vello druida bardo e o seu pequeno amigo e discípulo Brión, habitante dunha illa que daquela tiña por nome Aunios situada en algures no océano Atlantis entre a fermosa Ériu e Gallaecia coma lle chamaron os romanos a Galicia moito tempo despois, aló polo ano mil cincocentos a.XC., na convulsa idade de ferro.
      Aínda que distanciadas por tantos anos de historia atopamos entre elas unha ligazón, un punto de encontro común: A Amizade sincera e incondicional que debe guiar sempre as nosas vidas e que temos a obriga de procurala e agarimala con paixón, rexeitando aquela que por interesada ou revirada non fai outra cousa que anublar os nosos sentimentos levándonos moitas veces por vieiros certamente desconcertantes. Non é doado, pero temos que intentalo unha e outra vez, e cantas veces sexa preciso; non nos queda outra. Moitas veces somos nós mesmos os que poñemos unha árbore no camiño, un empezo que non nos deixa ver a fraga e o vieiro, sementando desconcerto e desacougo aos nosos, e que non ven a ser outra que o froito dos propios receos. E outras idealizamos esa enganosa amizade elevándoa á unha categoría superior, envorcando nela as nosas propias fallas sen ter en conta que os deuses só existen na mitoloxía.

     Por outra banda sería pretensioso pola miña parte intentar con este libro achegar algunha nova verbo da nosa cultura protohistórica, porque para iso hai estudos dabondo, algúns máis afoutados ca outros, e que demostran a conexión indubidable que sempre houbo entre os dous Países celtas (Keltoi en grego e Celtae, para os latinos): Irlanda e mais Galicia, Ériu e Gallaecia.

     Quixera amosar o meu interese e admiración que dende xoven tiven pola cultura, mitoloxía e a música Celta que tanto nos une, e renderlle con este relato unha merecida homenaxe.

     Tanto as persoas coma algúns lugares referidos son finxidos, ou se cadra non.

    Non esperedes atopar guerreiros con armaduras. Non hai pequenas nin grandes loitas; non existen castelos fachendosos nin feiticeiros pérfidos, nin animais mitolóxicos coma serpes de cinco cabezas ou polbos de vinte tentáculos que votan lume pola súa boca; porque a miña historia nada ten que ver co “Hobbit de Tolkien ou as lendas do rei Arturo”. É simplemente a historia de tres rapaces dunha vila mariñeira; e a dun home, a dun pobo, dunha aldea, nunha illa coma outras tantas, afastada no medio do océano Atlantis naquel mundo enfeitizante e dificultoso da nosa historia.

     Tampouco precisamos ilustrar moito este relato, somentes hai ao principio un debuxo de Aunios, moi perto da costa e unha vez atravesado o anel de brétema que daquela envolvía e agochabaa permanentemente, tal e coma a viu por primeira vez o noso amigo bardo Morlinguer despois da difícil e arriscada singradura dende a costa de Ériu. Zarrapicados polo medio hai tamén algunhas fotos e debuxos.

     Na parte final desta historia temos o petroglifo (que xa sabedes que son debuxos simbólicos gravados en rochas, desbastando a capa superficial e que veñen a representar os aconteceres da vida dos celtas, porque daquela non tiñan papel nin lapis), e que estivo agochado na aldea de Bargon perto de mil cincocentos anos, ata o seu oportuno e venturoso descubrimento por estes tres rapaces, compañeiros e amigos.

     Coido que abonda coas descricións feitas polo miúdo no libro, e que cada un deixe voar ceibe a súa imaxinación. Así ten que ser.

     Debemos ler este pequeno libro amodiño, sen présa, a poder ser ao carón do mar, dándoche a airexa na cara, escoitando algunha fermosa canción celta, e sobre todo na compaña do voso mellor amigo ou amiga.

No hay comentarios: