día y hora

jueves, 5 de julio de 2012

O bardo da illa de Aunios-1ª Parte-III.- Os habitantes da illa


III. Os habitantes da illa



            Pasou un día e a súa noite antes de que o noso Bardo Molinguer atopara ao primeiro habitante da illa; mais ben foi ao contrario. O noso bardo estaba demasiado canso despois da axitada travesía e ficou esgotado na area a durmir perto da súa embarcación.

 Escoitou ao lonxe o asubío de alguén; ergueuse con preguiza e mirou coma achegábase un neno que non tería más de oito anos de idade. Ao contrario dos seus paisanos en Galwing que coma el tiñan o cabelo loiro e a faciana branca, este pequeno habitante tiña o cabelo mouro coma o chamizo, en punta coma un ourizo cacho, ollos grandes e pel morena. Estaba fraco coma un pito do cairo e ao seu carón Cosus, unha pequena cadela negra coma a noite agás unha pequena pintiña branca no rabo, seguíano a todas partes e choutaba leda xogando coas ondas do mar.  Vestía o noso pequeno Brión unha especie de saia curta feita de coiro de ovella e levaba os pés descalzos.



 Morlinguer daquela pensou que acadara de achar unha nova illa, fóra das rutas marítimas coñecidas e polo tanto él sería o seu único descubridor e conquistador pacífico. Moitos anos despois seica un tal Mil, neto de Breogán e da tribu celta dos Milesianos partíu de Brigantia (que é un nome enteiramente Celta) coas súas dornas guerreiras  e invadíu Ériu, non tan pacíficamente  se facemos caso ao que nos contan uns monxes irlandeses aló polo século XII no “Lebor Gabala” que ven a ser o libro das invasións de Irlanda: “Cousas da vida”.

O cativo mirou de esguello a Morlinguer e inocentemente preguntoulle, coma si non lle fose o conto:

- e ti de onde saes?, dito en un idioma distinto do Gaélico que en principio era descoñecido para o mestre Bardo, pero coma coñecedor de varias linguas extranxeiras non tardou moito en entendelo, non sen certa dificultade.

-Contoulle unha trola:

 “Pois andaba navegando por estes mares facendo unha regata con un arroaz; pegou un chimpo xogando con unha onda brincadeira e esvaeuse mar adentro; entón eu perdino de vista definitivamente e puxen rumbo a esta illa para repousar un chisco”.

 Estaba demasiado esgotado pola viaxe e non tiña o bafo suficiente para explicarlle a súa teima e o motivo polo que tivo que deixar a súa aldea aló en Galwing, na costa oeste de Ériu.  O pequeno Brión andaba na beira do mar na procura  dunhas ameixas e navallas e xogando ao mesmo tempo coas ondas do mar facendo reinos de area que axiña  eran desmontados polas ondas.

 Morlinguer preguntoulle:

- Onde están teus país, meu? O pequeno contestoulle:

- Miña nai chámase Eburia e anda arrepañando  castañas  na fraga e o meu pai que se chama Calviño e mais catro compañeiros andan nas rochas batidas polo mar ferido collendo percebes e mais ostras.





 O pequeno Brión deseguida puso a súa mirada na pequena embarcación  feita de pólas de salgueiro e coiro de boi que estaba esnaquizada e barada na area e  preguntou:

- Non me digas que chegaches nese cortiza? Pero iso frota?

- Morlinguer díxolle que na súa aldea era normal estas lanchas e que se chamaban curraghs e que eran moi mariñeiras e con elas percorrían longas distancias acadando mesmo outras illas afastadas. Morlinguer seguía a preguntar:

- Cántos habitantes ten esta illa?

 O pequeno Brión non soubo dicirlle se eran neste intre douscentos vinte catro ou douscentos vinte cinco porque seica algún que outro morrera nontronte cando  perto do muiño da Cova esborrexou un brión e bateulle na fronte unha póla de salgueiro: ficou no chan coma un paxariño, díxolle o pequeno Brión. Fixéranlle o enterro  seguindo o ritual da tribo que era meter ao difunto nun cadeleito sen tapa feito de tronco oco de carballo e deixalo no fondo dun burato, máxico para os habitantes da illa, que lle chamaban o burato do infernum que era unha cova de máis de cen metros de profundidade situada nun lugar da illa  chamado  Fedorenta, perto da enseada de Barcelo e  que comunica directamente co mar. Cando a marea está baixa descenden o cadaleito dende enriba con cordas feitas de pólas de vimbios e queda pousado nas rochas. A marea alta entra despois no burato e leva o cadaleito ao xeito dunha dorna alén do mar, fora do anel de brétema que protexe á illa.

           

 Despois deste breve encontro o pequeno Brión levou a Morlinguer a súa aldea.


No hay comentarios: