día y hora

lunes, 9 de julio de 2012

O bardo da illa de Aunios.1ª Parte.VI.-As ensinanzas do vello Bardo


VI. As ensinanzas do Vello Bardo 

Despois da presentación oficial aos demais membros da Comunidade na aldea de Bargon, a ofrenda aos deuses e a esmorga, Morlinguer adicouse dende aquela con moito agarimo a ensinar aos pequenos da aldea de Bargon, guialos e alumealos co seus amplos coñecementos.

 Despois do tempo regulamentario á ensinanza que adoitaba facelo debaixo do carballo da Golvada, ía xunto co pequeno Brión  aos cantís perto da enseada de Canivelas onde xuntos  contemplaban ao lonxe coma o sol devalaba e afundíase misteriosamente na liña do horizonte. Xa coñecemos que os Romanos pensaron daquela cando chegaron a Gallaeci e toparon cos cantís batidos polo mar ferido e viron que o camiño detíase abruptamente, que aquelo non podía ser outra cousa que o fin do mundo, o Finis terrae, e que máis aló ben podería ser a morada dos deuses do Infernum, o mundo descoñecido e sinal inequívoco de malos presaxios. A illa de Aunios viña a ser entón o derradeiro recuncho do mundo coñecido O Finis Finis terrae.


            Dende que o vello Bardo vira ao pequeno Brión na praia de Lagoelas sabía que ía ser o seu discípulo máis adiantado, a quen poder envorcar todas os seus coñecementos e confidencias, ademais de ter un amigo inseparable e incondicional para o pouco tempo que lle quedaba de vida neste mundo.

            Morlinguer, con máis de sesenta anos no seu lombo xa ía vello. Hai que ter en conta que para aquela época dificultosa chegar aos cincuenta era pouco menos que un milagre, porque a esperanza de vida  non acadaba no millor dos casos as cuarenta lúas. Os seus días neste mundo estaban a piques de rematar: él sabiao e tamén o pequeno Brión. Ao seu carón acompañabao a súa cadela moura con pintiña branca no seu rabo curto, coma sempre. As leccións maxistrales seguidas con atención polo pequeno Brión abranguían todos os eidos do coñecemento: a filosofía, astronomía, coñecemento do medio, e por suposto a arte da oratoria e a poesía. Podemos dicir que non eran leccións ao xeito, senon  conversas, diálogos entre o mestre e o alumno (igualiño que centos de anos despois fixera un tal Sócrates, filósofo Grego con Platón).

No hay comentarios: