día y hora

miércoles, 11 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte.I-A amizade personificada

Nesta segunda parte do relato temos a historia dunha amizada, e tamén a de tres amigos e compañeiros de instituto enfeitazados por unha illa marabillosa.
2ª PARTE 



I.A amizade personificada



O curso estaba a piques de rematar. Lois o marabillas, Quique e Toñito andaban daquela en terceiro curso de bacharelato no instituto que estaba situado noutra vila veciña, a doce kilómetros da súa. Todos os días tiñan que coller o coche de liña ás oito da mañá na parada do autobús que hai perto da casa do Mar. O máis preguiceiro era Lois o marabillas que ás veces viña cunhas lepas apegadas aos ollos e que lle baixaban atá as meixelas e o nariz que daba noxo; pero pola contra sempre foi o máis parrandeiro dos tres; cando chegaba á parada sempre tiña un chiste que contar. Mexabamos a rir coas súas parvadas. Os tres eran amigos inseparables dende que pequerrechos ían á escola nacional da vila onde comezaron os seus estudos de primaria.


            Como non cabían os tres nos asentos dispostos en ringleira de a dúas que tiña o coche de liña, ían atrás de todo, onde máis se move e bate o autobús cando collía as ducias de fochancas que hai na estrada. Aquel coche de liña semellaba feito na primeira guerra mundial. Era de ferro, con unhas defensas dianteiras que mesmo semellaba un tanque de combate. A baca do autobús, enriba, sempre cheiña de petates, había de todo: maletas, caixas de madeira e ata gaiolas con  pitos que a xente mercaba na Capital; uns a vender os productos das leiras e outros a mercalas, deste xeito son os mercados. As fiestras eran de cristal groso e tremían con un barullo enxordecedor cando o Sr.Amable, que era así coma se chamaba o condutor, reducía a marcha e deixaba o coche en ralentí nas paradas regulamentarias que había que facer para coller  aos demais alumnos do instituto. Tamén daquela había revisor que viña sendo unha figura, metade sereno e metade cobrador de impostos i era o encargado de cobrar o precio do billete que por aquel tempo aínda era en pesetas. 



O instituto estaba ao carón do mar, perto da praia e dende as fiestras da clase podíase mirar aló ao lonxe a illa, que exercía nos tres compañeiros e amigos unha atración enfeitizante. Ficaban de cando en vez co nariz pegados aos cristales, deixando un debuxo de dous puntiños pequenos de bafo da súa respiración. Máis dunha vez pillounos  o profesor de lingua e literatura, que como era medio poeta, rifaba nos alumnos máis distraídos con algunha das súas poesías máis senlleiras:


Tres moscóns apegados á xanela,

seica andan aos biosbardos,

namentras os demais coma parvos

fican mirando pra ela.



-Era todo un poeta, e millor profesor.

As clases remataron a finais do mes de xuño.


No hay comentarios: