día y hora

sábado, 14 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte.V. O feliz descubrimento: o Petroglifo agochado


V. O feliz descubrimento: o Petroglifo agochado


            Despois de botar unha soneca, Lois, Quique e mais Toñito dixéronlle aos maiores: imos facer unha excursión pequena perto de aquí, a xogar un pouco.

-Non vos alexedes moito, non vaiamos ter que chamar á policía!, dixo o irmán de Toñito que tiña unha vea retranqueira de moito coidado.

-Vale! curto e cambio, dixéronlle.

Nós a nosa bola, coma na vila. Xogando a indios e vaqueiros e contándonos as nosas cousas fóra de miradas furtivas dos irmáns maiores. 

 Lois o marabillas contounos que tiña noiva formal dende hai pouco e que a coñecera nunha romaría en Sanamedio un lugar moi fermoso perto da parroquia de Beloso, cando fora cos seus país, tíos e curmáns. Despois houbo  festa rachada e seica lle pedíu baile a unha rapaza. Ela recatada díxolle que sí con un aceno de complicidade. Bailaron mesmo agarrados dúas cancións calmosas.  Así foi coma Lois contounos a súa primeira experiencia amorosa, pero de detalles nadiña de nada. Era o máis parrandeiro, pero ao mesmo tempo moi calado para as súas cousas máis íntimas. Había que querelo tal e como era, sen máis profundidades filosóficas.


Ían camiñando e xogando ao mesmo tempo, xa fóra do pequeno souto de piñeiros que había perto da praia de Lagoelas onde acamparan cando Quique esborrexou de súpeto nunha laxe que tiña unhas rochas esnaquizadas pola erosión do tempo, terra miuda e un pouco de brión enriba, e mancouse no xeonllo dereito.

-Non é nada, dixo, limpando a parte ferida con unha pouca de cuspe. 

 Só tivera unha pequena rabuñada sen importancia. Axudaron a erguer ao compañeiro e afastaron as pequenas pedras e a terra que había enriba da laxe. Viron entón unha especie de debuxo feito na pedra que semellaba uns círculos concéntricos, uns máis grandes ca outros e outras figuras que estaban esvaidas, pero que a Lois o marabillas pareceulle a figura dun barco de vela, unhas letras intelixibles,  e mais algo semellante a unhas figuras de homes e mais un can. 

Eles xa coñecían o que eran os petroglifos porque na clase de historia explicáronlle o seu significado, e que en Galicia así coma noutras partes do mundo había unha morea deles espallados por todas partes. O que non estaba tan claro eran as figuras tan raras ao xeito de barcos con velas, agás doutras que non se podían apreciar moi ben a simple vista. 

Baixaron de contado polo camiño ao souto onde puxeran o seu pequeno campamento e contáronlle o sucedido aos seus irmáns. Levaron unha reprimenda de medo.

-Pero vós a qué andades a xogar! Menudo día nos estades a dar.

-Non é nada home, unha rabuñada de nada,  contestoulle Quique.

-Non me amoles Quique, queres?  Estate caladiño, díxolle o seu irmán.



O irmán de Toñito  foi polo seu botiquín. Sabía algo de primeiros auxilios porque na mili tocoulle tamén traballar unha tempada na enfermería do seu cuartel.

Os tres amigos explicáronlles os debuxos que viran naquela laxe e quedaron para ir ao día seguinte, esta vez todos xuntos e coa cámara de fotos.

Chegaron á laxe onde o petroglifo e o irmán de Quique dixo:

- Pois é verdade, seica hai algún debuxo que non os vira nos libros de historia na miña vida. Aquel de aí, abaixo a man esquerda semella un can, non si?

Os outros non lle deran mais importancia e despois de facer unhas fotografías dos debuxos baixaron de novo ás súas tendas de campaña.




CONFIDENCIAS NA TENDA DE CAMPAÑA 

Á noitiña, despois de cear unhas salchichas de Frankfurt con ovos fritidos e un colacao quente fumos ao catre, quero dicir, á nosa tenda de campaña. Como non tiñamos sono despois de andares todo o día de camiñada, o contratempo de Quique, atoparen o petroglifo agochado e a reprimenda de marras do seu irmán, quedamos espertos,  estomballados nas colchonetas, alumeados pola feble luz da lanterna de peto, e a falar das nosas cousas coma adoitamos a facer de cando en vez.

            Quique sincerouse e contounos unha historia ben triste e mesmo arrepiante. Resulta que o home da irmá da súa nai, ou sexa o seu tío político, de cando en vez mallaba na súa tía, zoscándolle cada tunda de medo, e ademais insultábana, deixándolle  sinals na faciana e as veces viña a nosa casa cos ollos mazados. Ela agochaba as súas feridas poñendo ata tres capas de pintura e coloretes que mesmo semellaba as veces que ía de festa de entroido.

            Quique seguía a contar que moitas veces do medo  que tiña a súa tía durmía na casa, e por iso, na escuridade da noite choraba a moco tendido e contáballo á súa irmá.

-Xa está ben!, dicíalle a nai de Quique. Vou chamar ao teu home e poñerlle a cair dun burro!. Non hai dereito! Non vouno a consentir!

-Non é nada miña irmá, no fondo é boa persoa, pero cando empina o codo de máis alporízase e despois pasa o que pasa.

            A tía de Quique pagaba a maragota das frustracións do seu propio home deste xeito tan miserable.

-Teu tío, perdoa que cho diga con estas palabras é un fillo de p…., decía Lois o marabillas. Esas cousas non se fan. Son eu e…… póñolle a faciana revirada!

            Xa coñecemos que daquela estas cousas  permanecían en silencio e as feridas, as que se vían e as que non, eran agochadas polas olladas receosas e moitas veces cómplices dos seus, e tamén da propia sociedade.

            A conversa colleu unha tintura certamente ben tristeira. Víase nas facianas dos tres amigos e compañeiros de instituto acenos da carraxe contida e a incapacidade por non ser quenes de pór remedio a esta situación.



            Despois Toñito rebaixou a tensión cunha historia diferente, se cadra menos dramática en principio, pero que tamén tiña o seu aqueloutro.

            Resulta que o pai do noso amigo ten tres irmáns, dous homes e unha rapaza maís nova que seica viu dun descoido imprevisto, dunha carta de última hora (así contoullo un día o seu pai).

            O avó de Quique era mariñeiro e morrera faenando ao bacallau en Terranova. Os problemas xurdiron aos poucos cando houbo que partir a súa herdanza. Non era moito porque según nos contaba Toñito, agás a casiña e unha pequena horta ao redor, tiñan dúas pequenas leiras, unha viña e mais un soutelo de eucaliptos compartido coa súa familia. Catro patacos de nada.

            Pero estaba pendente de recibir a indemnización da compañía aseguradora que, a través do pagamento da casa armadora, correspondíalle polo accidente laboral con resultado de morte. Esto sí que era algo máis de cen pesetas.

            Xurdíu entre os irmáns a cobiza, a envexa e as cambadelas por conquerir a mellor partilla. A avoa de Quique chegou ata mesmo enfermar daquela.

            En definitiva, o que en aparencia era una familia normal e ata eu diría que exemplar, empezaron a saír das súas alfombras as peores mesquindades. Dende aquela e por mor dos cartos, esnaquizou a familia, dixo con un aceno de tristura Toñito.

            Despois, e aínda co arrepío e a carraxe metida no corpo viñeron outras confidencias, non menores pero sí máis levadeiras, virando a conversa a terreos menos tebrosos.

            Sacou o tema Lois o marabillas. Preguntoulle a Toñito:

-Ti qué pensas ser de maior?

Entramos aquí no eido da ciencia ficción porque para uns rapaces de trece anos coma estes a resposta non é doada e ven sendo as veces todo un misterio diviño.

Toñito contestoulle calquera trapallada que non ven a conto neste intre; despois tocoulle o turno a Quique.

Dende logo quen o tiña clariño de todo foi Lois o marabillas. Eu coido que sempre o tivo dende que nacera:

- Eu vou ser patrón de pesca coma meu Pai, dixo. E así foi certamente.

            Cada un coa súa teima particular e deixando ao doután as súas fantasías.

            Despois o rumbo da vida mesma pon a cadaquén no seu sitio, sexa este procurado ou non.  

            Certamente as conversas nunha tenda de campaña poden dar ata para escribir un libro, dixo finalmente Quique. 

            Xa eran as dúas da mañá e cairon co sono.

            Ao día seguinte espertaron co primeiro raio do sol; cedo, serían as sete e media da mañá. Durmiran apenas cinco horas, magoadas as súas costelas pola falla de costume de durmir case que no chan, e tamén ferido o seu corazón polas confidencias feitas nas horas vagarosas da noite e ditas naquela tenda de campaña.   


Pasaron todo o día seguinte na praia de Lagoelas tomando o sol, nadando e tamén xogando ao fútbol; os pequenos na procura de ameixas e navallas e algún polbo que outro que miraran agochado nuns penedos próximos.






No hay comentarios: