día y hora

viernes, 13 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte.IV.- Obxetivo cumprido; a viaxe á illa


IV. Obxetivo cumprido; a viaxe á illa



            Aló vemos un sábado pola mañá aos tres amigos no peirao da vila, cargados coma burros cos seus petates: tenda de campaña, mochilas e comida dabondo que lle meteran, coma non, as súas nais, e que mais que de campamento semellaba que ían á emigración cara á Suiza, por exemplo.

            Embarcaron nun monocasco de madeira, antigo bateeiro agora reconvertido en barco de pasaxe e que era o único que facía só no verán a ruta cara  á illa. A travesía durou perto de unha hora. Os tres compañeiros puxéronse en todas as partes do barco: na popa, vendo coma as ondas deixaban detrás un ronsel que mesmo semellaba unha corredoira revirada; na proa, dándolle o vento nas súas facianas; en babor e tamén en estribor onde estaban os flotadores que semellaban as roscas que os seus padriños lles agasallaban no día de Reis. Ata mesmo chegaron a entrar na ponte de mando convidados polo patrón do barco que se chamaba Checho e que era moi amigo do pai de Lois o marabillas, pois andiveran xuntos nunha empresa armadora que tiña barcos pesqueiros que ían ao Gran Sol irlandés. Despois, o pai de Lois sufrirá un accidente nunha marea e o Instituto Social da Marina déralle a invalidez absoluta, e ficara dende aquela na súa casa. Coma tiña tempo libre dabondo, aficionouse aos libros de Historia antigua e aos de Prehistoria. Tiña unha teima moi particular no tocante coa Cultura Celta.

 Checho, canso daquela vida mariñeira e pasaren moitos días e tamén noites fóra do fogar comprara cos seus pequenos aforros este barco, e tiña tamén unha pequena taberna que facía ao mesmo tempo de tenda e almacén para os poucos habitantes da illa que aínda vivían alí. 

            Chegaron ao pequeno peirao da illa. A marea estaba tan baixiña que Toñito estivo a piques de cair ao mar co seu petate. Aferrouno o patrón do barco pola mochila: Seica gústanche os peixes, meu?

 Aos irmáns maiores puxéranselle a faciana esbrancuxada: menuda liada imos a ter na casa se lle pasa algo a estes rapaces!- Agora xa sabemos que os tres amigos conqueriran o seu desexo de ires á illa con algunha ca outra argallada de por medio e os pais fixéranlles aos irmáns maiores responsables de que chegaran sans e a salvos. En definitiva, ían a ser por uns días os seus titores legais. 

            Afastándose do peirao,  subindo unha pequena costa empinada e deixando a man esquerda a cantina de Checho, viraron a cen metros á dereita e dirixíronse polo camiño de terra e pedras poeirento á praia de Lagoelas. A illa estaba un pouco pelada demais de árbores. Seica foi por mor dun lume descontrolado que houbera hai anos e que prendeu nalgúns soutos pequenos que aínda quedaban. Tempo máis tarde fixeran unha repoboación con piñeiros, pero xa non sería o mesmo, según nos contaban os máis vellos da lugar, que viñan a ser unha especie de colonos, que traballando a reo na terra, ésta non era súa(isto merece unha consideración xurídico sociolóxica aparte, pero non é nin o momento nin o lugar, coido). 

            Temos que dicir que daquela, a acampada na illa era ceibe, respetando por suposto de non botar merda algunha-bursas, latas e cristais sobre todo e non molestar aos poucos veciños que quedaban aínda. Mesmo había rótulos no peirao advirtíndoo. Coma ten que ser. 

 Chegaron ao pequeno souto que hai a menos de cen metros da praia e puxéronse a montar as tendas de campaña. 

            Lois o marabillas, que en principio era o máis espabilado dos tres, fixo unha liada de medo cos ventos, cos paus e  máis coas cordas. Tivemos que pedir axuda ao irmán de Toñito.

- Pero vos que fixéstedes coa tenda, seica sodes parvos ou!, deixádame a min.  

Montouna nun tris, con maña de un experto boy scout. Seica aprendera na mili, nas moitas manobras que lle tocara apandar. 

            Puxeron as tendas unha a dez metros da outra porque cada grupo tiñamos que ter o noso espazo vital de liberdade, coma ten que ser. A nosa primeira noite na illa durmimos coma paxariños despois do nervios e a emoción da viaxe, alumeados por unha lanterna pequena de peto. 

            Espertounos cedo o irmán de Toñito. Á beira da tenda dos maiores puxeran unha pequena fogueira con pedras ao redor. Ao carón dela, á noitiña prendíamos lume coas pólas e piñóns de piñeiro que recolliamos no chan. O irmán de Quique, aficionado a tocar a guitarra e o irmán de Toñito mollando os beizos con maestría na súa harmónica diatónica de blues marca “blues harp”, facían o resto. Tiñamos festa rachada garantida.  Tamén levabamos un pequeno fornelo para quentar o leite e mais a comida. Tiñamos cazos, tixola e unha morea de comida de medo. Tamén larpeiradas coma chocolate e un bandullo que nos fixera a nai de Lois o maravillas. Por iso pesaba tanto as nosas mochilas, claro! Despois de almorzar, os maiores convidáronos a facer unha pequena excursión.

-Eu quería ficar na praia a nadar un pouco e tomar o sol, dixo Quique.

-De iso nada, meu. Xa haberá tempo dabondo para eso. Ti ves con nós, non queremos que afogues e despois tiñamos outra liada na casa. Rosmando un pouco, aceptou sen rechistar.

            Fumos primeiro ó Faro. Levántase maxestuoso no medio, no lugar chamado Chans que é o cumio máis alto da illa (hai que ter en conta que só ten cento cincuenta metros respecto ao nivelo do mar), alumeando na noite escura cos seus refachos lumínicos coma se fose a luz dunha ambulancia, pero sin son. Dende aí collimos á dereita bordeando os cantís ata chegar ao extremo norte da illa. Dende esa posición observamos un pequeno illote quebrado da illa principal que se chama Sentulo. Detivémonos a contemplar a fermosa vista da illa mirando cara ao sur onde podíamos ollar tamén a pequena illa de Ansag. Aos poucos, voltamos de novo cara as nosas tendas de campaña, na praia de Lagoelas.

- Por hoxe xa abonda de camiñar, dixo o irmán de Quique.

 Era a hora do xantar. Comimos unha empanada de zamburiñas que fixera a miña nai e mais uns bocadillos de tortilla de patacas. Para beber, auga e refrescos marca “mirinda” para nós e para os maiores unhas cervexas que deixaran   pola mañá cedo nun regato con auga doce que baixaba das ladeiras da illa.

No hay comentarios: