día y hora

lunes, 9 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.1ª Parte.VII-A morte de Morlinguer

Este é o derradeiro capítulo da primeira parte deste conto.

 
VII. A Morte de Morlinguer


            Finou Morlinguer un día de inverno, frío, con treboada e unha nortada de medo. Fungaba o vento na fraga de Bargon que mesmo fixo abanear aos carballos máis senlleiros; o da Golvada, por exemplo, perdou non sei cantas pólas e ficou ferido no seu tronco por un raio electrizante que descendeu dende o Alén.  Chovía con forza inusitada na illa de Aunios.


            Fixéranlle o enterro coma adoitaban facelo cos demais defuntos, agás un detalle importante; no canto de poñer o corpo nun carballo oco coma era costume, puxeron a Morlinguer deitado no chan da súa embarcación de cando chegara a illa facía xa moitas lúas, o seu curragh, a  súa fráxil chalana restaurada pola man sabia do carpinteiro de ribeira da illa.



 Na praia de Lagoelas déronlle o derradeiro adeus.  A algún que outro Brión caíronlle bágoas pola meixela. O seu amigo e discípulo, chorando a moco tendido a perda do seu amigo e mestre empurrou a embarcación por derradeira vez. Despois o vento Aquilón inflou a vela relinga e a nave silandeira desapareceu da vista dos habitantes da illa ata esvaerse fóra do anel de brétema que envolve Aunios.

 Coñecemos hoxe polos estudos achados que para o pobo Celta  o mar era un lugar de paso e a comunicación imprescindible co Alén. 



            Este conto seica está gravado nun petroglifo na laxe da fraga de Bargon, e aínda hoxe segue tapada polos carballos senlleiros derrubados polo vento Aquilón, e agochados polas silveiras e a morea de rochas esnaquizadas polas treboadas e as chuvias que de cando en vez baten á illa de Aunios, agardando que alguén descubra, interprete e saiba transmitir esta curta pero fermosa historia aos seus”.



No hay comentarios: