día y hora

jueves, 12 de julio de 2012

O Bardo da illa de Aunios.2ª Parte-II.A teima de ires de acampada á illa; III.O Plan


II. A Teima de ires de acampada á illa



Dicíano sempre nas súas casas de boca para fóra, pero a ilusión dos tres amigos e compañeiros era ires algún día de acampada á illa, pero os seus pais crían que aínda eran moi pequenos para iren sós.

 Todos menos Lois o marabillas tiñan irmáns de máis idade ca eles. Estes,  durante as vacacións de verán ían sempre uns días de acampada. Cando voltaban á casa, feitos uns porcalleiros e con roña no corpo pero cheos de ledicia, contabanos as súas vivencias telúricas e tamén cósmicas, sen entrar en profundidades porque coma decía o irmán de Quique: Temos dereito tamén ao segredo dos nosos pecados (Dicíano porque despois soupemos que empinaban o codo coas cervexas e “outros  líquidos elementos”, ademais das fumatas de canutos que levaban agochados nos seus puchos).

 Acampaban sempre no mesmo lugar na illa: no pequeno souto de piñeiros perto da Praia de Lagoelas. Contabanos as súas andainas, e os seus percorridos pola illa, que coma non é moi extensa adoitaban facelo en dous días, porque tampouco era cousa de ires de marcha a todo meter coma no servizo militar. Hai que facelo aos poucos e amodiño. O irmán maior de Quique era tamén aficionado á fotografía e levaba sempre unha cámara fotográfica marca kodak, con película de cartucho e que podía disparar ata trinta e seis fotos, non á vez senon de unha en unha. Despois na casa  poñíaas nun álbum coa data da acampada. Xa tiñan polo menos catro.





III. O Plan



            Puxeron en marcha entre os tres amigos e compañeiros de instituto un plan feito á conciencia, con aleivosía, premeditación e tamén nos consta que con nocturnidade, porque de cando en vez quedaban a durmir na casa dun deles, por quenda rigorosa. Ían pedirlles aos seus pais ires de acampada este verán na compaña dos seus irmáns maiores, tendo en conta que acadaran unhas boas notas no curso e ían pasar a cuarto limpos de toda asignatura, non coma outros que mesmo andaban a pintar a godalla xogando ao futbolín en vez de ir á clase. Eles considerábanse persoas maiores e as súas hormonas así o confirmaban. Eran uns adolescentes coma a copa dun carballo. 

            Compre, aínda que sexa breve, facer un comentario en col de esta etapa da vida tan importante para un.

 Desátanse non poucos conflitos, persoales e tamén fisiolóxicos. As hormonas agroman no organismo, evolucionan, múdan e reprodúcense a unha velocidade de vértixe. Non hai xeito de acougalas! Na profundidade dos seus cuartos ao xeito de tobeiras saen os cheiros e os sons máis extraños. Unha mestura de naftalina e perfume barateiro asolaga o corredor e acada ás demais estadías da casa cos seus ecos e recendos misteriosos.

            A adolescencia é esa etapa da vida na que un convírtese nun incipiente filósofo: pescudan, experimentan, axexan, cotexan probabilidades e posibilidades; desespéranse, alporízanse, anóxanse. Revíranse e recuan: dubidan e vólvense inxenuamente confiados. Trabúcanse. Coñecen ao seu primeiro amor, tamén sofren o primeiro desengano. Advirten a bondade, a ruindade e as mezquindades dos homes ao mesmo tempo. En definitiva, é unha etapa na que o mundo póñese aos seus pés, e tamén  á das súas hormonas. 

            Feita esta apreciación persoal que non pretende ser nin científica nin moral, podemos continuar sen mais coa nosa historia. 

            Estabamos a falar da teima que tiñan os nosos amigos de ires de acampada á illa. Pois ben, non sei coma fixeron e convenceron aos seus pais, nais e aos seus irmáns maiores, pero o feito indubidable é que o conqueriron. Isto eche un misterio Divino, coma di a miña tía.


No hay comentarios: